Un total de 250 mozos e mozas descendentes de galegos chegaron este sábado a Santiago para participar nos Programas de Campamentos e Campos de Traballo da Xunta

O programa, organizado pola Secretaría Xeral da Emigración e a Dirección Xeral de Xuventude, está dirixido a xoves de orixe galega residentes en nove países de América.

Listen to this page using ReadSpeaker
20 de xullo de 2010.

Un total de 250 mozos de orixe galega que residen en Arxentina, Brasil, Chile, Cuba, Estados Unidos, México, Perú, Uruguai ou Venezuela chegaron o sábado 17 de xullo a Galicia para participar no programa de Actividades de Campamentos e Campos de Traballo para a Galicia exterior.

Este programa de actividades, que desenvolve a Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar, ten como finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega, co entorno e cos seus familiares, así como ofrecerlles a posibilidade de redescubrir a súa terra nai mediante uns días de convivencia con mozos galegos da mesma idade.

Dentro das actividades da modalidade de Campamentos; dende esta fin de semana ata o 28 de xullo, 245 destes mozos -de idades entre os 14 e os 20 anos- participarán na “Rotas coñece Galicia”. Durante os doce días que dura a actividade estarán aloxados en distintos albergues galegos e na súa estadía compaxinarán actividades deportivas e culturais.

Os 5 mozos beneficiarios na modalidade de Campos de Traballo que se incorporaron este sábado residirán nas instalacións de campos de traballo de Palas de Rei. Todos eles, con idades comprendidas entre 18 e 24 anos, realizarán actividades relacionadas coa animación sociocultural. Ademais de disfrutaren de actividades de convivencia, animación, lecer e tempo libre.

2464 lecturas