A Xunta achega Galicia aos mozos e mozas do exterior a través dos Campos de Traballo para reforzar o vínculo da comunidade co futuro da diáspora

O programa, dirixido a galegas e galegos de entre 20 e 30 anos que vivan no estranxeiro, combina actividades de voluntariado coas de aproximación a diferentes lugares e tradicións galegas.

A experiencia busca que as e os participantes melloren o seu coñecemento sobre a historia, a cultura e a realidade social da súa terra de orixe ou da dos seus pais e nais.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 12 de xullo.

O prazo de presentación de solicitudes ábrese mañá, 13 de xuño, e péchase o 12 de xullo
O prazo de presentación de solicitudes ábrese mañá, 13 de xuño, e péchase o 12 de xullo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2018.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de convocar o programa de axudas para a participación no programa Campos de Traballo para este ano, cuxo prazo de solicitudes rematará o 12 de xullo. Con esta iniciativa a Xunta busca achegar a realidade, a cultura e a historia de Galicia ás mozas e mozos galegos que residen no exterior, dos que depende o futuro da diáspora e o seu vínculo coa súa terra de orixe.

Poderán optar a unha das 22 prazas dispoñibles para esta convocatoria, organizada pola Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, aquelas e aqueles mozos de entre 20 e 30 anos que teñan nacido en Galicia ou sexan descendentes dunha ou dun emigrante galego e teñan nacionalidade española.

Voluntariado e coñecemento de Galicia
Durante a súa estadía en Galicia, as e os participantes realizarán “actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos” cuxo principal obxectivo será “a procura dun maior coñecemento da nosa cultura, da mellora ambiental da nosa contorna e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico”, segundo especifica a resolución a resolución publicada hoxe no DOG. “Ademais do traballo”, engade a convocatoria, “ofrécese un programa con actividades de convivencia, de formación, de lecer e tempo libre” do que tamén poderán gozar os mozos e mozas.

As instalación e datas concretas de celebración do campo de traballo divulgaranse proximamente a través da convocatoria que difundirá a propia Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado coa súa publicación no Diario oficial de Galicia. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou, en caso de non ter acceso a estes recursos, en calquera das entidades colaboradoras.

1155 lecturas