O programa “Campos de Voluntariado” permite á Xunta achegar Galicia aos mozos e mozas do exterior a través de actividades de voluntariado e de lecer

O programa está dirixido a galegas e galegos de entre 20 e 30 anos que residan fóra de Galicia, e combina actividades de recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico coas de aproximación a diferentes lugares e tradicións galegas.

A iniciativa do Goberno galego busca que as e os participantes melloren o seu coñecemento sobre a historia, a cultura e a realidade social da súa terra de orixe.

O prazo de presentación de solicitudes para acadar unha das 22 prazas dispoñibles remata o 6 de xuño.

Imaxe de arquivo do campo de traballo no castro de Castromaior (Portomarín)
Imaxe de arquivo do campo de traballo no castro de Castromaior (Portomarín)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2019.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar o programa de axudas para a participación no programa Campos de Voluntariado deste ano, cuxo prazo de solicitudes rematará o 6 de xuño. Esta proposta do Goberno galego persigue achegar a realidade, a cultura e a historia de Galicia ás mozas e mozos galegos que residen no exterior, que tamén terán ocasión, así, de reforzar o contacto coas e cos seus familiares que vivan na comunidade autónoma. 

Os candidatos e candidatas poderán optar a unha das 22 prazas dispoñibles para esta convocatoria, organizada pola Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, aqueles mozos e mozas de entre 20 e 30 anos que teñan nacido en Galicia ou sexan descendentes dunha persoa emigrante galega e teñan nacionalidade española. Do total de prazas, 5 estarán destinadas a galegas e galegos da Arxentina, 4 para as e os do Uruguai, 3 para as e os do Brasil e 2 para as e os de Venezuela, Cuba, resto de América, de Europa e de España, respectivamente.  

Recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico
Durante a súa estadía en Galicia, as e os participantes realizarán “actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos” cuxo principal obxectivo será “a procura dun maior coñecemento da nosa cultura, da mellora ambiental da nosa contorna e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico”, tal como figura na resolución publicada onte no DOG. “Ademais do traballo”, engade a convocatoria da Secretaría Xeral da Emigración, “ofrécese un programa con actividades de convivencia, de formación, de lecer e tempo libre” no que tamén participarán os beneficiarios e beneficiarias deste programa.

O programa deste ano consistirá na participación nun campo de traballo no concello lucense de Portomarín. As instalación e datas concretas de celebración do campo de voluntariado divulgaranse proximamente a través da convocatoria que difundirá a propia Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou, en caso de non ter acceso a estes recursos, en calquera das entidades colaboradoras.

A Consellería de Política Social colabora na execución deste programa poñendo á disposición das persoas beneficiarias os servizos de aloxamento e manutención nos albergues xuvenís e residencias asignadas. E a Secretaría Xeral da Emigración, pola súa banda, farase cargo da organización da viaxe e dos traslados aéreos das persoas participantes mediante o financiamento do custo dos billetes de ida e volta en avión, e dos desprazamentos terrestres de todas as persoas participantes que realicen un retorno inmediato desde a instalación en que rematen a actividade ata o aeroporto de saída.

321 lecturas