Susana López Abella reúnese coa asociación Faraxa para ofrecerlle o apoio da Xunta na loita contra a prostitución
Igualdade destinará máis de 360.000 euros a programas de atención a mulleres en situación de prostitución e trata, case un 20% máis que no exercicio anterior.
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo esta mañá unha reunión con representantes da Asociación Faraxa pola abolición da prostitución, ás e aos que lle reiterou o apoio que a Xunta de Galicia lles vén prestando desde a súa creación, no ano 2009.
Precisamente, a Secretaría Xeral da Igualdade leva financiando a esta asociación os últimos catro anos con máis de 45.000 euros destinados a desenvolver programas para a abolición da trata e da prostitución de mulleres inmigrantes, coa finalidade de apoiar a súa recuperación e integración social e laboral.
O departamento que dirixe López Abella firma anualmente convenios con nove entidades dedicadas especificamente a traballar con mulleres inmigrantes en situación de trata con fins de explotación sexual. A partida orzamentaria que Igualdade destina este ano 2013 para desenvolver programas de atención a mulleres nesta situación é de máis de 360.000 euros, preto dun 20 por cento máis que o ano pasado.
Faraxa pola abolición da prostitución
A asociación Faraxa naceu en Vigo en maio de 2009, da man dun grupo interdisciplinar de profesionais, para dar cobertura a un dos colectivos máis discriminados e esquecidos durante anos pola sociedade, como son as mulleres que exercen a prostitución.
O obxectivo de Faraxa é dar cobertura asistencial a colectivos en risco de exclusión social, e por iso actúan sobre tres liñas prioritarias: mulleres inmigrantes, prostitución e mocidade.
No ámbito sanitario, e coa axuda dunha unidade móbil, percorren os centros de prostitución ofrecendo información e asesoramento sociosanitario "in situ" para a prevención de infeccións de transmisión sexual e condutas sexuais de risco.
No eido social e en coordinación coa rede de servizos sociais de atención primaria preténdese a integración sociolaboral das persoas que exercen a prostitución a través de asesoramento xurídico, social, laboral e psicolóxico.
Dende o ámbito educativo traballan para educar e sensibilizar a poboación por medio de seminarios formativos, co fin de previr condutas de risco e de educar en igualdade.
Novas relacionadas




