A Secretaría Xeral da Emigración súmase a celebración da festa do emigrante de Tordoia

Cerca de 2000 persoas da colectividade galega en Suíza xuntáronse na 22ª edición da conmemoración da tradicional Festa.

A zona vén marcada pola forte emigración ao país helvético na décadas dos 60 e 70, sendo agora un dos principais emisores de emigrantes que voltan á terra e que se acollen ao Plan galego de apoio ao retorno

Listen to this page using ReadSpeaker

Tordoia rende homenaxe cada ano aos galegos en Suíza Festa do Emigrante, que onte alcanzou a súa 22ª edición. Á tradicional cea e actos de homenaxe, á que asistiron varios centenares de persoas entre emigrantes e veciños do municipio, tamén acudiu un representante do goberno galego, Víctor Díaz- Pache, quen subliñou o “sobresaínte aporte humano” da emigración ao país helvético e agradeceu a Tordoia “facer de Galicia unha comunidade unanimemente apreciada e respectada pola súa laboriosidade, responsabilidade e contribución ao progreso” en todo o mundo.

Cerca de 2000 persoas da colectividade galega en Suíza xuntáronse para “pór en valor o atractivo da nosa diversidade”, enfatizou Díaz- Pache, “podemos sentirnos galegos e seguir sendo suízos, e á inversa. Desta realidade son coñecedores vosos fillos e netos, orientados cara unha formación bicultural, educados en harmonía con xente doutras nacionalidades”, engadía.

En nome do secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, quixo transmitirlles que “o compromiso da Xunta mantense”. “Fostes enormemente solidarios con Galicia e agora é o noso momento de facervos voltar nas mellores condicións, por elo, fixemos das políticas de retorno unha das nosas prioridades”, rematou.

Plan Galego de Apoio ao Retorno
Suíza é desde 2002 o principal país de retorno, superando á Arxentina. E, dentro de todo o territorio autonómico, a Costa da Morte é, agora, o principal emisor de emigrantes que voltan á terra. Segundo datos do INE, un total de 1091 galegos retornaron da Suíza, só na provincia da Coruña, sendo esta zona unha das máis beneficiadas.

Galicia é a terceira comunidade autónoma, despois de Madrid e Cataluña, que recibe máis españois procedentes do estranxeiro. Isto indica a importancia do retorno a Galicia, que pasou de ser un país de emigración no pasado a ser un país de retorno nestes últimos anos, máis propiamente que de inmigración – se a comparamos coa totalidade de España-.

A través deste Plan galego de apoio ao retorno deséñanse un conxunto de medidas estratéxicas que fan que a Xunta de Galicia amose o seu compromiso cos emigrantes que desecan voltar, coa finalidade última de que poidan exercer os seus dereitos en igualdade de condicións e coa mesma amplitude que os galegos que viven no ámbito territorial da nosa Comunidade Autónoma.

2466 lecturas