A Secretaría Xeral da Emigración recibiu entre marzo e maio 300 solicitudes para optar a unha das 150 Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME)

Nos últimos tres meses un total de 443 iniciaron o proceso de solicitude, pero 142 non o concluíron por diferentes motivos.

Unha sexta parte das e dos aspirantes foron nados en Galicia, o segundo país de nacemento máis numeroso, só precedido pola Arxentina e seguido de Venezuela, Brasil, Uruguai, México e Cuba, entre outros.

Das 50 galegas e galegos nados en España que solicitaron unha das prazas, 18 residen no Reino Unido, 5 en México, 4 en Portugal e 3 en Alemaña.

A idade media das e dos solicitantes que completaron o proceso, 175 mulleres e 126 homes, é de 30 anos.

Imaxe da entrega de diplomas acreditativos ás e aos beneficiarios do curso 2019-2020 das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior
Imaxe da entrega de diplomas acreditativos ás e aos beneficiarios do curso 2019-2020 das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2020.

A Secretaría Xeral da Emigración recibiu 301 solicitudes de mozas e mozos galegos do exterior nos meses de marzo, abril e maio, prazo que se ampliou por mor do Estado de Alarma decretado en España para pedir unha das 150 Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME). Durante o período de presentación de peticións, que pechou o pasado día 30, un total de 443 persoas iniciaron o procedemento a través da plataforma dixital deseñada para este programa, malia que 142 delas non o remataron por diferentes motivos. 

Das 301 que si completaron o proceso, 127 foron nadas na Arxentina, 50 en Galicia, 45 en Venezuela, 22 en Brasil e no Uruguai, respectivamente, 15 en México, 10 en Cuba, 4 en Chile, 2 en Panamá e 1 tanto en Costa Rica como en Portugal e Suíza. Os países de residencia, pola súa banda, abranguen 3 continentes e un total de 18 Estados diferentes. A idade media das e dos solicitantes que si remataron o procedemento inicial, 175 mulleres e 126 homes, é de 30 anos, que se eleva a 30,2 no caso do total de peticións iniciadas, concluíran ou non o trámite.

Así, unha sexta parte das solicitudes proceden de persoas nadas en Galicia. Delas, o 36%, 18, residen no Reino Unido, mentres que 5 o fan en México, 4 en Portugal, 3 en Alemaña, 2 na Arxentina, Ecuador, Eslovaquia, Italia e o Uruguai, respectivamente, e 1 en Rusia, Canadá, Chile, Costa Rica, os Estados Unidos, Francia, Países Baixos e Suíza. Os países de procedencia das galegas e galegos nados na comunidade suman, deste xeito, 17 procedencias distintas.

Listaxe definitiva de admitidas e admitidos
A Secretaría Xeral da Emigración está a tramitar as solicitudes completadas e nas vindeiras semanas, logo dun prazo de 5 días hábiles para subsanación de erros que empeza hoxe, publicará a listaxe definitiva de solicitudes admitidas e excluídas á convocatoria 2020/2021 das BEME. As beneficiarias e beneficiarios deste programa deben ser galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no exterior, e estar admitido na preinscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas. A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aquelas e aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun presuposto total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno ou alumna).

903 lecturas