A Secretaría Xeral da Emigración amplía ata o 29 de maio o prazo de solicitudes das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior por mor do Estado de Alarma decretado en España polo coronavirus

O titular do departamento, Antonio Rodríguez Miranda, anima ás mozas e mozos galegos que queren vir a Galicia a estudar un mestrado a planificar o seu futuro coas 150 prazas convocadas no programa.

A prórroga busca facilitar aos interesados e interesadas a tramitación e a reunión da documentación necesaria para optar a unha destas bolsas.

O programa do Goberno galego reserva 150 prazas para emigrantes galegas e galegos e descendentes. 

Imaxe da entrega de diplomas acreditativos ás a aos beneficiarios do curso 2019-2020 das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior
Imaxe da entrega de diplomas acreditativos ás a aos beneficiarios do curso 2019-2020 das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2020.

A Secretaría Xeral da Emigración vén de ampliar ata o 29 de maio o prazo de solicitudes para as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) por mor do Estado de Alarma declarado en España co fin de frear a epidemia do coronavirus. Con esta medida, o departamento autonómico busca facilitar a tramitación e a reunión da documentación necesaria ás mozas e mozos galegos do exterior interesados en vir cursar un mestrado nalgunha das universidades públicas galegas no vindeiro curso, que comezará en outono.  Como consecuencia das complexas circunstancias que están a atravesar a meirande parte dos países con maior presenza galega a causa desta pandemia, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, invitou os mozos galegos e galegas que queren regresar á súa terra de orixe a planificar o seu futuro grazas a este programa, incluído na Estratexia Retorna 2020.

“Son moitos os galegos que xa tiñan decidido retornar a Galicia antes de que o COVID-19 aparecera nas nosas vidas coa firme intención de cambiárnola para sempre, e son moitos os que aínda se negan a renunciar aos seus plans para empezar unha nova etapa na súa terra de orixe, tal como demostran as solicitudes que estamos a recibir”, sinalou Miranda. “Non podemos permitir que esta crise impida aos nosos mozos volver á comunidade a rematar ou continuar a súa formación e a súa traxectoria profesional e vital”, engadiu o titular de Emigración, quen salientou que o obxectivo derradeiro que persegue o programa da Secretaría Xeral en colaboración coas tres universidades galegas é fomentar Galicia como un destino profesional de calidade captador de talento.

Procedemento integramente telemático 
O procedemento de solicitude realízase de xeito integramente telemático, xa que está deseñado para un fácil acceso e manexo desde o estranxeiro. As e os mozos que queiran beneficiarse deste programa de BEME deben ser galegas ou galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no exterior, e estar admitido na preinscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas. A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aqueles e aquelas que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun presuposto total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno ou alumna).

1105 lecturas