A Secretaría Xeral da Emigración financia con 60.000 euros o funcionamento da oficina de información e orientación aos inmigrantes de Ferrol

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, asinou este xoves 15 de xullo co alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, o convenio de colaboración polo que a Xunta achegará 60.000 euros para financiar o funcionamento da oficina de información e orientación aos emigrantes deste concello. O importe total deste convenio é de 90.000 euros, dos que o Concello achegará os 30.000 euros restantes.

Listen to this page using ReadSpeaker

A oficina facilita aos inmigrantes información sobre a súa situación xurídica e os trámites administrativos a realizar, facilita información sobre programas formativos e de orientación e inserción laboral, e promove a súa incorporación ás redes sociais e a vida en comunidade. A Secretaría Xeral da Emigración inviste 395.000 nas oficinas das sete cidades galegas.

A oficina de información e orientación aos inmigrantes funciona desde o ano 2008 no concello de Ferrol, e nela traballan un licenciado en dereito especializado e un traballador social formados para atender aos 2.191 estranxeiros que, segundo o Instituto Nacional de Estatística, viven en Ferrol. Este servizo asesora na tramitación de autorizacións de residencia, traballo, visados, adquisición de nacionalidade, e agrupamento familiar, así como sobre as prestacións sociais, educativas e sanitarias ás que teñen dereito os inmigrantes.

A oficina traballa en tres liñas: informa ás persoas inmigrantes sobre a súa situación xurídica e trámites administrativos; facilita todo tipo de información acerca dos programas formativos e de orientación e inserción laboral co obxectivo de facilitar a súa inserción no mercado laboral; e promove á incorporación dos inmigrantes ás redes sociais e á vida comunitaria, incluso a través de intervencións individuais e familiares.

Convenios coas 7 cidades.
A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Emigración, está a asinar convenios coas sete grandes cidades galegas para o financiamento destas unidades de información, orientación e asesoramento xurídico e sociolaboral ás persoas inmigrantes. A Secretaría Xeral achegará un total de 395.000 euros para o financiamento destes centros no ano 2010, cuxo custo total ascende a 592.500 euros. Os 197.500 euros restantes achegaraos os concellos beneficiarios. Deste xeito, as cidades da Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, ademais de Ferrol, seguirán contando con este servizo.

1797 lecturas