O Secretarío Xeral da Emigración e o Alcalde de Ferrol reúnense para avaliar o convenio en materia de inmigración
O acordo, que implica a contratación de dous técnicos, posibilitou a atención directa a preto do 13’5 por cento da poboación inmigrante.
O secretario xeral da Inmigración, Santiago Camba, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, reuníronse esta mañá na Casa do Concello para avaliar o convenio de colaboración para o funcionamento dunha unidade de atención, información, orientación e asesoramento xurídico e socio-laboral dirixido a inmigrantes e retornados, desenvolvido polo propio Concello ferrolán, e asinado recentemente entre ambas partes.
O acordo ten vixencia ata o último día de 2011, aínda que boa parte das accións previstas xa se están a desenvolver por parte da administración local da cidade departamental. No texto estipúlase que a Unidade deberá contar, polo menos, cun/unha licenciado/a en dereito con formación específica en materia de estranxeiría, e cun/unha traballador/a social.
A achega realizada pola Secretaría Xeral é de 50.000 €, cantidade que completa o Concello con outros 20.000 para a dotación mínima establecida. Acordos semellantes ao asinado en Ferrol existen noutras cidades galegas con variables estatísticas similares.
Precisamente, e atendendo aos datos oficiais do censo, cómpre salientar que no municipio ferrolán residen en torno a 2.300 inmigrantes, e constan como beneficiarios directos da acción da Unidade municipal 313. Daquela, a porcentaxe de persoas inmigrantes que gozan directamente do traballo da Unidade, respecto do universo total de posibles destinatarios, é de case o 13’5 por cento, un dato que arroxa luz sobre a importancia e eficacia do labor realizado na Unidade.
Funcións Entre as funcións da oficina, e que se estipulan no acordo, están as de Informar ás persoas inmigrantes sobre a súa situación xurídica, e sobre os trámites administrativos a realizar. Neste sentido, asesora na tramitación de autorizacións de residencia, traballo, visados, adquisición de nacionalidade, agrupamento familiar, e calquera outro trámite administrativo que estas persoas precisen, así como sobre as posibles prestacións sociais, educativas e/ou sanitarias ás que tivesen dereito.
Igualmente, a Unidade debe facilitar todo tipo de información acerca de programas formativos e de orientación e inserción laboral, así como outras axudas ás que poidan ter acceso e que faciliten a súa plena integración no mercado laboral. Tamén deberá promover a incorporación dos inmigrantes e retornados ás redes sociais e á vida comunitaria, mesmo a través de intervencións individuais e familiares.
Finalmente, aínda que non menos importante, é tamén función da Unidade municipal a emisión de tódolos informes e/ou certificacións que a lexislación en materia de estranxeiría determine no ámbito das Comunidades Autónomas.
Novas relacionadas