A Secretaría Xeral da Emigración e o Igape expoñen ante empresarias e empresarios galegos en Venezuela as oportunidades e de investimento que ofrece Galicia
Antonio Rodríguez Miranda e Leopoldo Yeste Sánchez iniciaron en Valencia unha viaxe na que pretenden difundir posibilidades reais de negocio á hora de retornar á comunidade.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o xerente da Oficina de Atracción de Investimentos GaliciaINVEST do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Leopoldo Yeste Sánchez, iniciaron hoxe en Valencia unha visita que os levará tamén á capital caraqueña para difundir as oportunidades de investimento que ofrece Galicia aos galegos e galegas que retornen á comunidade. Os representantes autonómicos congregaron na cidade costeira de Venezuela empresarias e empresarios galegos pertencentes a diferentes sectores económicos para exporlles algunhas das posibilidades de financiamento e aposta empresarial que acubilla nestes intres Galicia. Durante o encontro, Miranda e Yeste repasaron, así mesmo, tanto as opcións que emprendemento como de inserción laboral por conta allea ás que poden optar os galegos e galegas que queiran regresar á súa terra de orixe.
Entre as 52 medidas do ámbito económico e laboral incluídas na Estratexia Retorna 2020 do Goberno galego destacan varias dirixidas ao investimento en Galicia, como a creación dunha liña de apoio propia para as e os emigrantes retornados, ao igual que existen liñas sectoriais ou con clústers; o acceso aos medios a aquelas e aqueles galegos que teñen unha pequena empresa no seu país de acollida para o seu traslado a Galicia, incentivando o seu establecemento no rural; accións de fomento do retorno de empresarias e empresarios e grandes investidores galegos do exterior ofrecéndolles oportunidades de investimento na Galicia territorial; a celebración de roldas de financiamento, como “Business Angels”, daqueles proxectos de emprendedores con máis posibilidades de saír adiante e que busquen liñas de financiamento; propostas de investimento ás empresas galegas que estean en proceso de ampliación do seu accionariado, entre outras.
Autoemprego e medidas sociais
Ademais, a Secretaría Xeral da Emigración ten en marcha as Axudas ao Retornado Emprendedor, cuxo prazo de solicitude vén de ser ampliado ata o vindeiro 31 de outubro, que outorgan ata 10.000 euros ás e aos emprendedores galegos que retornaran durante os dous anos anteriores a Galicia. O Goberno galego está a fomentar, a través da Estratexia Retorna 2020, tanto a contratación de traballadoras e traballadores coma a creación de autoemprego para persoas emigrantes galegas retornadas. Aos dous programas da Consellería de Economía, Emprego e Industria que regulan as axudas para impulsar o inicio da actividade para autónomas e autónomos e as destinadas a favorecer a contratación indefinida de traballadoras e traballadores en empresas de autónomos hai que engadir as axudas que concede para impulsar a contratación nas pemes e para a consolidación do emprego nas pequenas empresas tecnolóxicas e de nova creación.
Tamén o programa de incentivos á contratación na empresa ordinaria aumenta a contía dos beneficios no caso de tratarse de persoas emigrantes galegas retornadas, colectivo ao que se presta especial atención tamén noutras iniciativas do Goberno galego de carácter social, como a Tarxeta Benvida; así de formación, como as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) ou as do ciclo superior de Formación Profesional; de retención do talento investigador; ou de cara ao acceso a unha vivenda.
Novas relacionadas




