O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración reeditan o “Estudio sobre emigración”

En pleno éxodo migratorio a América, Eduardo Vincenti y Reguera publicou un texto que ofrecía informacións precisas e útiles para orientar ás e aos que xa decidiran marchar.

“Estudio sobre migración” foi un texto innovador no formato e atípico no seu contexto que agora o Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración reeditan en formato facsimilar dentro da colección Clásicos da Emigración.

A presentación tivo lugar esta mañá a cargo dos responsables desas dúas entidades, Rosario Álvarez e Antonio Rodríguez Miranda, respectivamente, que destacaron a relevancia de poñer á disposición da sociedade unha obra que axuda a entender o fenómeno migratorio.

Canda eles estaban o director do Arquivo da Emigración Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas, e o autor do prólogo, Raúl Soutelo.

A publicación xa se pode descargar desde a web do Consello da Cultura Galega.

  • Imaxe da presentación deste mediodía na sede do CCG na capital de Galicia
    Imaxe da presentación deste mediodía na sede do CCG na capital de Galicia
  • Imaxe da presentación deste mediodía na sede do CCG na capital de Galicia
    Imaxe da presentación deste mediodía na sede do CCG na capital de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2020.

Hai dúas características que converten a Estudio sobre emigración nun clásico contemporáneo. Dunha banda o seu formato de guía, con indicacións precisas e útiles encamiñadas a orientar á e ao emigrante de 1908 que decidía embarcarse cara a América. Eduardo Vincenti ofrece información detallada dese periplo, desde as condicións da viaxe (hixiene, alimentación, diferentes tipos de pasaxes...) ata as leis dos países de acollida, pasando polas casas consignatarias ou as compañías existentes para facer os traxectos. Doutra banda, porque ofrece unha visión da emigración libre de tópicos e centrada nas evidencias documentais e nos contextos internacionais. Estas dúas peculiaridades da obra pódense descubrir con detalle no prólogo elaborado por Raúl Soutelo, quen define a Eduardo Vincenti como “un publicista a prol da emigración”.

Eduardo Vincenti foi un destacado político galego do tempo da Restauración decimonónica. No Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega consta unha entrada sobre a súa figura na que destaca a preocupación que tivo polo desenvolvemento da educación e pola necesidade constante de melloras corporativas e profesionais para o Maxisterio. Foi, ademais, un importante publicista que publicou, ademais da obra que hoxe se reedita, Estudios sobre las reformas penitenciarias (1880) ou La libertad de prensa (1902).

Colección Clásicos da Emigración
La emigración en Galicia publicada por Ramón Castro López en 1923 foi o punto de apertura dunha colección de libros que, baixo o título “Clásicos da Emigración”, pretende ofrecer un reflexo fiel do que supuxo a emigración galega tanto para aquelas e aqueles que a viviron desde os seus países de destino como para as e os que os viron marchar. 

A colección está integrada por unha ducia de títulos de diferentes xéneros que hoxe en día son difíciles de atopar en bibliotecas ou librarías, e que así poden ser máis accesibles para o público investigador, mais tamén para calquera persoa interesada no tema. Reúne así as distintas perspectivas que marcaron un dos fenómenos demográficos máis importantes dos últimos séculos en Galicia a través de obras que abranguen tanto ensaios como literatura de ficción ou biografías, entre outros xéneros, escritos entre principios do século XX e os anos 60, aproximadamente. Cada un dos volumes está prologado por un ou unha especialista contemporáneo na materia, como Ramón Villares, Pilar Cagiao ou Raúl Soutelo, entre outros. 

Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinar. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre as súas e os seus membros con Pilar Cagiao, Anxo Lugilde, Antía Perez ou Luís Domínguez.

En imaxes
337 lecturas