Emigración e o Consello da Cultura Galega presentan en Cambados a reedición do primeiro poemario de Ramón Cabanillas

A obra enmárcase dentro da colección Clásicos da Emigración, que pretenden ofrecer un reflexo fiel do que supuxo a emigración galega.

  • Imaxe da presentación da reedición de 'No desterro', de Ramón Cabanillas, dentro da colección Clásicos da emigración
    Imaxe da presentación da reedición de "No desterro", de Ramón Cabanillas, dentro da colección Clásicos da emigración
  • Imaxe da presentación da reedición de 'No desterro', de Ramón Cabanillas, dentro da colección Clásicos da emigración
    Imaxe da presentación da reedición de "No desterro", de Ramón Cabanillas, dentro da colección Clásicos da emigración
  • Imaxe da presentación da reedición de 'No desterro', de Ramón Cabanillas, dentro da colección Clásicos da emigración
    Imaxe da presentación da reedición de "No desterro", de Ramón Cabanillas, dentro da colección Clásicos da emigración
Listen to this page using ReadSpeaker
Cambados (Pontevedra), 10 de setembro de 2022.

A subdirectora xeral de Coordinación Administrativa da Secretaría Xeral da Emigración, María Baleato, xunto ao vicepresidente do Consello da Cultura Galega e director do Arquivo da Emigración Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas, participaron en Cambados na presentación da reedición do primeiro poemario de Ramón Cabanillas, no marco da súa colección Clásicos da Emigración

No desterro é o primeiro poemario de Ramón Cabanillas. Veu a luz na Habana cun limiar de Basilio Álvarez, e consagrou o autor como poeta social por excelencia. O acto tivo lugar no Museo Ramón Cabanillas de Cambados  e no mesmo tamén estiveron Miguel Cabo, autor do estudo da obra e profesor da USC; Francisco Fernández Rei, membro da Real Academia Galega; Tino Cordal, concelleiro de Cultura de Cambados; e Pitusa Vidal Cabanillas, neta do autor.

O primeiro poemario de Ramón Cabanillas viu a luz en 1913 cun limiar de Basilio Álvarez. Foi na cidade da Habana, na emigración, que constitúe xunto co galeguismo e o agrarismo un dos fenómenos característicos da experiencia colectiva dos galegos e galegas do século XX. Miguel Cabo Villaverde, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e membro do Grupo Histagra/CISPAC, é o autor do estudo introdutorio no que contextualiza o primeiro poemario de Cabanillas desde tres puntos de vista. “Un primeiro en que se analizarán os vencellos entre o movemento agrarista e a literatura, outro en que se fará o mesmo entre emigración e agrarismo e unha coda centrada na relación, prolongada ao longo de máis de tres décadas, entre o poeta e quen, con xustiza ou sen ela, remataría por personificar na memoria popular un movemento tan complexo e multiforme como foi o agrarismo galego: o abade de Beiro, Basilio Álvarez” tal e como describe o propio autor.

No desterro mestura varios temas, desde a reflexión íntima ou o fresco paisaxístico e de costumes ata denuncias de tipo social, de carácter agrarista e anticaciquil, que continúa a temática cívica de Curros Enríquez. Nel aparece a idea de Galicia como unidade colectiva e unha chamada á rebelión.  Serviu para consagrar a Cabanillas como o poeta social por excelencia, aínda que, en termos estritos, os poemas desa índole fosen minoritarios no conxunto do volume. Tivo unha segunda vida once anos despois cunha nova edición que presentou unha estrutura diferente, novos poemas e a supresión doutros pero como mesmo espírito.

Colección Clásicos da emigración
La emigración en Galicia publicada por Ramón Castro López en 1923 foi o punto de apertura dunha colección de libros que, baixo o título Clásicos da emigración, pretende ofrecer un reflexo fiel do que supuxo a emigración galega tanto para aquelas e aqueles que a viviron desde os seus países de destino como para as e os que os viron marchar. 

A colección está integrada por unha ducia de títulos de diferentes xéneros que hoxe en día son difíciles de atopar en bibliotecas ou librarías e que, así, poden ser máis accesibles para o público investigador, mais tamén para calquera persoa interesada no tema. Reúne as distintas perspectivas que marcaron un dos fenómenos demográficos máis importantes dos últimos séculos en Galicia a través de obras que abranguen tanto ensaios como literatura de ficción ou biografías, entre outros xéneros, escritos entre principios do século XX e os anos 60, aproximadamente. Cada un dos volumes está prologado por unha ou un especialista contemporáneo na materia, como Ramón Villares, Raúl Soutelo, Pilar Cagiao ou Xosé M. Núñez Seixas, entre outras e outros. 

Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinar. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre as e os seus membros con Antía Pérez, Xesús Fraga, Raúl Soutelo ou Luís Domínguez.

206 lecturas