A Secretaría Xeral da Emigración e o Consello da Cultura Galega asinan un acordo para visibilizar o fenómeno migratorio

O acordo suporá a posta en marcha de exposicións, difusión de actividades e traballos de catalogación de sociedades de emigrantes para incrementar a promoción, conservación e recuperación do patrimonio cultural galego.

No acto estiveron presentes o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.

Antonio Rodríguez Miranda e Rosario Álvarez, durante a sinatura desta mañá
Antonio Rodríguez Miranda e Rosario Álvarez, durante a sinatura desta mañá
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2021.

A Secretaría Xeral da Emigración e o Consello da Cultura Galega asinaron un acordo esta mañá para visibilizar o fenómeno migratorio que suporá a posta en marcha de exposicións, difusión de actividades e traballos de catalogación de sociedades de emigrantes para incrementar a promoción, conservación e recuperación do patrimonio cultural galego.

No acto estiveron presentes o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.

Inventio Mundi, Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV-XVII, Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia e o O soño cubano da emigración galega son exposicións organizadas polo Consello da Cultura Galega que axudan a entender, contextualizar e coñecer a importancia que tivo a emigración galega. En virtude do acordo asinado esta mañá posibilítase e poténciase a itinerancia destas mostras. Ademais, este documento apoia os traballos de documentación e deseño para a vindeira exposición da institución que se centrará en visibilizar a presenza galega no Reino Unido.

Entre as accións que permite está a edición de novos números da colección editorial «Clásicos da emigración galega”, nada para rescatar en edición facsímil e comentada unha ducia de títulos de diferentes xéneros que hoxe en día son difíciles de atopar en bibliotecas ou librarías e que, así, poden ser máis accesibles para o público investigador, mais tamén para calquera persoa interesada no tema. Reúne as distintas perspectivas que marcaron un dos fenómenos demográficos máis importantes dos últimos séculos en Galicia a través de obras que abranguen tanto ensaios como literatura de ficción ou biografías, entre outros xéneros, escritos entre principios do século XX e os anos 60, aproximadamente. Cada un dos volumes está prologado por un ou unha especialista contemporáneo na materia, como Ramón Villares, Raúl Soutelo ou Xosé M. Núñez Seixas, entre outros. 

O acordo inclúe tamén o inventariado e dixitalización de documentación de sociedades de emigrantes galegas e galegos na Península Ibérica, así como os referentes aos procesos de emigración galega. Ademais, tamén facilita a organización de actividades de promoción da emigración galega.

Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinar. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre as e os seus membros con Antía Pérez, Xesús Fraga, Raúl Soutelo ou Luís Domínguez.

629 lecturas