O Consello da Cultura Galega, xunto á Secretaria Xeral da Emigración, sobe á rede nova documentación sobre o fenómeno migratorio

“De Galicia a América: a chegada a un novo mundo” é o título dunha nova entrega do especial “Historias de ida e volta”, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, que pretende difundir material sobre o fenómeno migratorio. 

Nesta ocasión, o especial ofrece unha vintena de fotografías e documentos sobre o momento da chegada dos galegos e galegas a América no século XX.

“De Galicia a América: a chegada a un novo mundo” é a terceira entrega do especial “Historia de ida e volta”
“De Galicia a América: a chegada a un novo mundo” é a terceira entrega do especial “Historia de ida e volta”
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2020.

A terceira entrega do especial “Historia de Ida e Volta” está centrado en amosar o proceso de chegada dos galegos e galegas aos novos países americanos en proceso de industrialización, nomeadamente Cuba, Arxentina, Uruguai, Brasil e mesmo Estados Unidos. “A súa emerxente economía, baseada na explotación dos recursos naturais e o desenvolvemento dunha nacente industrialización, precisaba abundante man de obra. Estes países promulgaron leis que propiciaban a chegada de inmigrantes, coas que pretendían poboar amplos territorios baleiros; pero a gran maioría dos galegos e galegas preferiron asentarse nas nacentes cidades, dedicados ao sector servizos, onde percibían máis posibilidades de mellorar laboral e socialmente, e mesmo chegaron a crear pequenas empresas, normalmente familiares. Esta última estratexia facía máis doada a acumulación de aforros e o retorno” explica o texto introdutorio deste apartado do especial.

Nesta ocasión pódense consultar unha vintena de fotografías e documentos que serven para ilustrar o que se atopaban os e as emigrantes ao final da súa travesía. As imaxes permiten coñecer, por exemplo, o Hotel de Inmigrantes no porto de Bos Aires, centro obrigado tralo paso pola aduana. Alí facíaselles unha revisión médica, e pasaban un tempo ata que eran reclamados por familiares ou amigas e amigos cun contrato de traballo. Era unha condición esencial para poder entrar no país. Tamén se poden ver as fotografías prototípicas que as e os emigrantes mandaban á familia para amosar que estaban ben e que a súa situación económica estaba a mellorar.  Canda estes materiais, hai tamén un certificado de nacionalidade, solicitude que tramitaron moitos galegos e galegas nos países de acollida. 

Todas as imaxes e documentos que aquí se expoñen forman parte do patrimonio fotográfico e documental que se conserva e salvagarda no Arquivo da Emigración Galega. Moitas delas forman parte de coleccións particulares que a cidadanía doou á institución.

Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial “Historias de ida e volta” para dar a coñecer materiais que documentan o fenómeno migratorio. A primeira entrega deste especial explicaba o proceso de partida cunha serie de permisos e documentos que precisaron os e as emigrantes tanto para poder saír do país como para entrar na nova terra de promisión.

A segunda entrega centrouse no Centro Gallego de La Habana, símbolo do poderío e da grandeza que acadou a colectividade galega na illa ao longo dos séculos XIX e XX. 

Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinar. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre as e os seus membros con Antía Pérez, Xesús Fraga, Raúl Soutelo ou Luís Domínguez.

1526 lecturas