A Secretaría Xeral da Emigración e a Academia Galega do Audiovisual ultiman a nova edición do Ciclo Mestre Mateo tras o éxito da pasada convocatoria
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e subdirectora de Comunidades Galegas, Isabel Martínez Pellicer, mantiveron un encontro cos responsables da Academia Galega do Audiovisual para avaliar os resultados da última edición do Ciclo de Cine Mestre Mateo e avanzar na preparación da próxima convocatoria. Durante a reunión, destacouse a gran acollida que tivo esta iniciativa entre as comunidades galegas do exterior, con miles de espectadores distribuídos en dez centros galegos de América, Europa e España.
Miranda subliñou o papel fundamental deste proxecto na difusión do audiovisual galego entre a diáspora, permitindo que os galegos do exterior poidan gozar das producións finalistas dos Premios Mestre Mateo. Ademais, agradeceu o esforzo tanto da Academia como dos centros galegos implicados, que facilitan a exhibición das películas e promoven a cultura galega fóra das nosas fronteiras. Os datos de asistencia reflicten o interese crecente por esta iniciativa, con títulos que acadaron ata 259 espectadores nunha única proxección.
A nova edición do ciclo busca consolidar este éxito e ampliar o seu impacto, fortalecendo a colaboración entre a Secretaría Xeral da Emigración e a Academia Galega do Audiovisual. Neste sentido, traballarase na optimización dos materiais de comunicación e na mellora da experiencia dos espectadores, garantindo que as proxeccións continúen a ser un punto de encontro para a colectividade galega e unha mostra da riqueza cultural de Galicia.
Novas relacionadas




