Increméntase preto dun 60 % o número de espectadores do exterior do cine galego a través do Ciclo Mestre Mateo, froito da colaboración entre a Secretaría Xeral da Emigración e a Academia Galega do Audiovisual

Máis de 2.300 persoas espectadoras do continente americano e europeo residentes en 5 países do mundo participaron nesta edición.

A iniciativa achega longametraxes e documentais finalistas e gañadores dos Premios Mestre Mateo ás comunidades galegas de todo o mundo.

Increméntase preto dun 60 % o número de espectadores do exterior do cine galego a través do Ciclo Mestre Mateo, froito da colaboración entre a Secretaría Xeral da Emigración e a Academia Galega do Audiovisual
Increméntase preto dun 60 % o número de espectadores do exterior do cine galego a través do Ciclo Mestre Mateo, froito da colaboración entre a Secretaría Xeral da Emigración e a Academia Galega do Audiovisual
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela (A Coruña), 9 de febreiro de 2026.

En total, máis de 2.300 persoas espectadoras, o que supón un crecemento do 57 % con respecto a 2024, residentes en Arxentina, Uruguai, República Dominicana, Castelló, Burgos, Barcelona, Zaragoza e Bélxica, puideron coñecer o cine galego da man desta iniciativa, que terá continuidade en 2026, coa incorporación das novas películas finalistas e gañadoras dos Premios Mestre Mateo deste ano.

A programación do Ciclo Mestre Mateo estivo integrada polas longametraxes +Cuñados, As Neves, Honeymoon, Xustiza Artificial e Aurora, así como polos documentais Filmei paxaros voando, Prefiro condenarme, Salvaxe, salvaxe e Sagrada familia, obras finalistas e gañadoras da XXIII edición dos Premios Mestre Mateo que achegaron ao público do exterior unha mostra representativa do mellor audiovisual galego actual.

Esta iniciativa xurdiu a comezos de 2022 a través dun acordo entre a Secretaría Xeral da Emigración e a Academia Galega do Audiovisual, co obxectivo de achegar o cine feito en Galicia ás comunidades galegas do exterior a través das entidades galegas espalladas por todo o mundo.

A Secretaría Xeral da Emigración está a traballar xa nas bases da próxima edición do ciclo, que se presentará nos vindeiros días.

252 lecturas