O Secretario Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba, e a subdirectora xeral de Cultura do Goberno da Cidade, Josefina Delgado, deron apertura este martes á mostra fotográfica “Olladas no Camiño de Santiago. Xacobeo 2010”.

O Secretario Xeral da Emigración abre na Casa da Cultura de Buenos Aires a mostra “Olladas no Camiño de Santiago. Xacobeo 2010”.

A Subdirectora de Cultura do Goberno da Cidade, Josefina Delgado, destacou a colaboración coa Xunta e salientou o carácter “multicultural” da mostra fotográfica.

Ambos inauguraron este martes na sala de exposicións da Casa da Cultura a mostra das 70 fotos de seis artistas galegos contemporáneos.

Trátase do último punto no percorrido pola xeografía arxentina durante este 2010.

Preto de 200.000 persoas xa viron as fotos no interior do país.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2010.

Na sala de exposicións da Casa da Cultura da Cidade de Bos Aires, déronse cita algo máis dun cento de persoas para asistir á apertura desta mostra fotográfica organizada pola Xunta de Galicia para difundir en Arxentina o Xacobeo 2010.

Santiago Camba referiuse á “calidade” e “sensibilidade” destas 70 imaxes de seis fotógrafos galegos contemporáneos: Delmi Álvarez, Fernando Bellas, Tino Martínez, Javier Teniente, Xulio Villarino e Tino Viz. Estas instantáneas sobre os peregrinos, os monumentos e as paisaxes das rutas xacobeas representan fielmente a “semente da primeira viaxe paneuropea, que uniu espiritualmente a decenas de pobos e millóns de camiñantes”.

Na súa intervención, o titular de Emigración da Xunta trazou lazos de unión entre as peregrinaxes e a emigración. Neste sentido, manifestou que “a emigración se asenta sempre na busca dun horizonte de dun futuro mellores para un, par aos propios, para os demais”. Aínda que sinalou que hai quen di que os motivos para peregrinar e emigrar difiren no esencial, el remarcou que comparten unha “esencia que os une”. “Porque o ánimo de mellorar e mellorarse é –explicou- o xermolo do camiño que se inicia”. “En ambos os dous casos, remarcou Camba, o mellorar as perspectivas de futuro xera o comezo da ruta”.

Colaboración coa Xunta e identidade multicultural
A subsecretaria de Cultura do Goberno da Cidade Autónoma de Bos Aires, Josefina Delgado, quixo poñer de manifesto a “colaboración reiterada coa Delegación da Xunta de Galicia en Arxentina”. “Esta é a terceira mostra que facemos aquí, puntualizou Delgado, logo de “As nosas palabras, os nosos mundos” e “33 retratos de escritores” de Luís Seoane. “E sinto, asegurou, que esta mostra tráenos aquí algo que é moi particular que é como este camiño para ver os restos do Apóstolo Santiago significou un intercambio cultural e a entrada das poesías noutras linguas como a provenzal, e iso é unha mestura que como porteños nos fascina”.

Josefina Delgado narrou que a sala de exposicións onde se amosan estas fotos é un espazo co denominador común da “apertura a distintas disciplinas estéticas, a diferentes expresións de pobos, rexións, países, que amosan o que é Bos Aires: unha cidade multicultural, feita sobre unha trama onde están representados múltiples idiomas, pobos e identidades”.

Nesta liña, destacou que na “conformación da nosa nacionalidade arxentina Galicia ocupa un espazo moi importante e familiar”.

200.000 persoas en 16 localidades
A Casa da Cultura da Cidade de Bos Aires é o último punto no percorrido pola xeografía arxentina desta mostra, que poderá verse alí ata o 26 de decembro. Máis de 200.000 persoas xa visitaron “Olladas no Camiño de Santiago. Xacobeo 2010” nas 16 localidades do interior do país nas que foi exposta durante este ano. Logo de ser inaugurada o 6 de decembro de 2009 polo Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo no Pavillón das Belas Artes da Universidade Católica Arxentina, a mostra estivo en Villa Gesell, Mar del Plata, Córdoba, La Plata, Morón, Mendoza, Azul, Coronel Dorrego, Bahía Blanca, Puerto Madryn, Villa del Totoral, Rosario, Río Gallegos, Puerto de San Julián, e Comodoro Rivadavia, antes de regresar a Bos Aires para pechar o seu percorrido.

Esta exposición levouse a cabo coa colaboración da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Universidade Católica Arxentina (UCA), Municipalidade de Villa Gesell, Club Español de Villa Gesell, Cofradía de Santiago Apóstolo de Villa Gesell, Municipalidade de General Pueyredón, Centro Galego de Mar del Plata, Centro Galego de La Plata, Honorable Concello Deliberante de Morón, Círculo Hispano de Castelar, Municipalidade de Córdoba, Goberno da Provincia de Córdoba, Paseo del Buen Pastor, Fundación Muller, Paz e Desenvolvemento; Centro Galego de Córdoba, Municipalidade de Villa del Totoral, Bolsa de Comercio de Mendoza, Honorable Senado da Nación Arxentina, Centro Galego Aconcagua, Fundación por el Arte, Municipalidade de Azul, Centro Galego de Azul, Fotoculbe de Azul, Municipalidade de Coronel Dorrego, Centro Galego de Coronel Dorrego, Biblioteca Bernardino Rivadavia de Bahía Blanca, Centro Galego de Bahía Blanca, Municipalidade de Puerto Madryn, Casa Galicia de Puerto Madryn, Cine Teatro Auditorium de la Sociedade Italiana de Puerto Madryn, Centro Galego de Comodoro Rivadavia, Municipalidade de Puerto de San Julián, Sociedade Española de Puerto de San Julián, Grupo de Fotografía da Universidade Austral, Cantareiras de Santa Comba de Xallas, Centro Galego de Río Gallegos, Centro Galego de Rosario, Goberno da Cidade Autónoma de Bos Aires.

1870 lecturas