Santiago Camba empraza á mocidade galega no exterior a ser “protagonistas da mellora de Galicia” e a promover o diálogo interxeracional.

Anima aos mozos e mozas a “non permanecer afastados” dos centros galegos e a ser protagonistas dunha nova estratexia de acción para fortalecer os lazos entre a Galicia interior e exterior.

Cualifica á mocidade galega no exterior como “cidadáns formados e preparados”, coñecedores “do valor do esforzo e do traballo” herdado dos seus pais e conscientes da necesidade de “competitividade” que marca esta era de cambios e transformacións.

“Sodes donos da vosa realidade e responsables para fixar o voso compromiso para que o mantemento dos lazos, sociais, culturais e económicos entre a Galicia interior e a exterior sexa unha realidade neste século XXI”, sostén.

Listen to this page using ReadSpeaker
8 de novembro de 2010.

O Secretario Xeral da Emigración, Santiago Camba, emprazou ás mozas e mozos galegos no exterior a participar activamente na mellora de Galicia e a “promover o diálogo interxeracional” para acadar a súa “integración efectiva na galeguidade”. Así o manifestou este sábado na inauguración do Congreso Europeo da Xuventude galega no exterior, celebrado en Nuremberg (Alemaña).

O secretario xeral da Emigración recoñeceu que “un dos maiores retos” que ten a galeguidade na actualidade é “promover o diálogo interxeracional” e dar valor aos activos que a xuventude achega para convertela en “protagonista da mellora de Galicia e dos galegos”.

Santiago Camba prantexou a necesidade de articular un espazo de integración para a xuventude galega no exterior que, segundo dixo, é “un dos principais activos con que conta a nosa comunidade”. “Nun mundo amplamente globalizado e competitivo, Galicia precisa dos seus fillos no exterior para configurar o seu papel na historia que nos tocou vivir”, enfatizou.

Fortalecer os lazos de unión
Camba instou aos mozas e mozos galegos na emigración a “formular as estratexias de traballo” para acadar a súa “integración efectiva na galeguidade”. “Na medida en que, entre todos, saibamos planificar e xestionar o noso presente e o noso futuro axudaremos a engrandecer as sociedades nas que vivides o voso día a día”, apuntou.

“Sodes donos da vosa realidade e responsables para fixar o voso compromiso para que o mantemento dos lazos, sociais, culturais e económicos entre a Galicia interior e a exterior sexa unha realidade neste século XXI”, dixo o secretario da Emigración que engadiu: “Debedes ser protagonistas deste cambio nas estratexias de acción das entidades galegas en Europa e, mentres permanezades afastados dos centros galegos este necesario cambio non se producirá”.

No seu discurso cualificou a xuventude galega no exterior como “cidadáns formados e preparados”, coñecedores “do valor do esforzo e do traballo” herdado dos seus pais e conscientes da necesidade de “competitividade” que marca esta era de cambios e transformacións.

Por iso, o Secretario Xeral da Emigración considerou o congreso celebrado a pasada fin de semana como o mellor espazo de intercambio de experiencias e coñecementos nos que falar “con claridade” dos anhelos e inquedanzas dos máis novos. Así, garantiu que o Goberno galego “estará pendente” das conclusións adoptadas nesta xuntanza, e reafirmou o compromiso da Secretaría Xeral da Emigración por apoiar “aquelas iniciativas orientadas a poñer en valor a xuventude dentro do espírito que conforma a galeguidade”, tal e como reflicte o Plan Integral de Emigración 2010-2013.

1903 lecturas