Santiago acolle este xoves un Congreso Internacional de Políticas de Xuventude organizado pola Xunta

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, recibiu onte a un grupo de mozos e mozas e responsables de entidades xuvenís de Italia, Tanzania, Brasil e Arxentina que participarán na iniciativa.

O congreso forma parte das actividades que está a programar o Goberno galego con motivo do Ano Internacional da Xuventude.

O obxectivo é dar a coñecer a nivel internacional os programas e actuacións que desenvolve a Xunta en materia de Xuventude e Voluntariado.

Este grupo de persoas tamén está a tomar parte nun seminario que coordina a área autonómica sobre desenvolvemento sostible e que se celebra ata o 13 de marzo en Santiago.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado organizará este xoves 10 de marzo o Congreso Internacional de Políticas de Xuventude, unha das iniciativas que forma parte das actuacións que a Xunta levará a cabo con motivo do Ano Internacional da Xuventude. O obxectivo do congreso é dar a coñecer a nivel internacional os programas e actuacións que desenvolve a Xunta en materia de Xuventude e Voluntariado, como son o proxecto Mogal e Leonardo da Vinci ou o programa Espazo Xuvenil Galicia-Norte de Portugal.

O responsable da área autonómica, Ovidio Rodeiro, recibiu hoxe a un grupo de 20 mozos e mozas e responsables de entidades xuvenís de Italia, Tanzania, Brasil e Arxentina, que participarán de forma activa nesta iniciativa, que se celebrará no Hotel Congreso de Santiago. A actuación está dirixida á mocidade galega, informadores xuvenís, asociacións xuvenís, grupos informais, técnicos de xuventude e entidades xuvenís.

A finalidade desta actuación é promover a diversidade cultural e a promoción do respecto e tolerancia entre a mocidade. De feito, este proxecto terá continuidade con próximos encontros que se realizarán en Brasil e Tanzania nos próximos meses.

Ademais, este grupo de persoas está a participar estes días nun seminario, que coordina Xuventude e que forma parte dun proxecto internacional subvencionado pola Dirección Xeral de Educación e Cultural da Comisión Europea dentro do marco do programa Xuventude en Acción. En concreto, os mozos e responsables de entidades xuvenís de Italia, Tanzania, Brasil e Arxentina participan nun foro de discusión sobre o desenvolvemento sostible nas áreas locais nun mundo global integrado desde os puntos de vista ambiental, económico e social. Durante este seminario, que rematará o 13 de marzo, os participantes comparten os seus coñecementos e as prácticas de desenvolvemento sostible na Unión Europea. Ao mesmo tempo, abordarán o uso da arte e da cultura como ferramentas de inclusión para mozos e mozas con menos oportunidades.

O seminario inclúe, ademais de obradoiros e debates, conferencias e visitas institucionais co fin de coñecer o desenvolvemento sostible en cada área local, autonómica e nacional.

2553 lecturas