Medio cento de mozas e mozos iniciarán en xaneiro prácticas laborais en empresas de Italia, Francia, Irlanda e Holanda.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado recibiu hoxe aos beneficiarios da primeira quenda do programa "Leonardo da Vinci".

Listen to this page using ReadSpeaker

Case medio cento de mozas e mozos (47) iniciarán en xaneiro as súas prácticas laborais en empresas de Italia, Francia, Irlanda e Holanda, unha iniciativa inscrita no programa Leonardo da Vinci, a súa vez enmarcado no proxecto Mogal de mobilidade xuvenil, cuxa promoción é dos principais eixos da estratexia Xuventude 2013.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, recibiu hoxe no Centro Coordinador de Información Xuvenil de Santiago aos beneficiarios desta primeira quenda do Leonardo da Vinci, que permitirá a un total de 187 rapaces e rapazas realizar estadías laborais en firmas estranxeiras ata decembro do vindeiro ano.

Os participantes desta primeira fase asinaron hoxe os seus contratos de formación práctica e coñeceron as empresas que os acollerán durante as 12 semanas de duración destas estadías. O obxectivo do programa Mogal é facilitar a integración das mozas e mozos no mercado laboral europeo.

Outras catro quendas sumaranse á esta primeira, que arrancará o 15 de xaneiro, e o período de solicitudes para a seguinte convocatoria sairá publicado na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado (www.xuventude.net) a partir do día 11 dese mesmo mes.

Os interesados en participar deben contar con entre 18 e 30 anos e ter realizados estudos relacionados cos sectores do moble e a madeira, restauración, turismo, imaxe, informática, deseño, electricidade e mecánica. A finalidade destas prácticas é que as mozas e mozos acaden coñecementos e competencias útiles para o desenvolvemento profesional ao tempo que adquiren unha mellor competencia lingüística no idioma do país de destino.

O departamento dirixido por Ovidio Rodeiro investirá 557.211 euros no desenvolvemento deste programa, unha contía que a Unión Europea financia nun 90%.

1652 lecturas