Rueda viaxará a Suíza e Liechtenstein para reencontrarse coa emigración galega e enxalzar a súa contribución ao mantemento das súas tradicións na diáspora

Participará a vindeira fin de semana en actos de distintos centros e institucións que fomentan a lingua, a arte e a cultura galegas, promovendo que perduren os vínculos da poboación emigrada coa súa terra.

Lembrará que todas e todos aqueles que desexen regresar á comunidade contan coa Estratexia Galicia Retorna da Xunta, coa que se pretende facilitar a volta de 30.000 persoas ata 2026.

Foto de arquivo da última viaxe institucional do presidente da Xunta á Galicia do exterior
Foto de arquivo da última viaxe institucional do presidente da Xunta á Galicia do exterior
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2023.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, viaxará a próxima fin de semana a Suíza e Liechtenstein para reencontrarse coa emigración galega de ambos países e ser testemuña das actividades que levan a cabo para manter vivas as tradicións da comunidade alá onde se asentaron e contribuír ao crecemento de Galicia desde a diáspora.

Así, o sábado 28 asistirá á celebración do 50º aniversario da Irmandade Galega na Suíza, unha institución que asocia a unhas 300 familias galegas e que desde os seus inicios puxo en valor a lingua, a arte e a cultura galegas, ao mesmo tempo que supoñen un gran apoio moral e social para todos os galegos emigrados no país helvético.

Ao día seguinte, o domingo 29, o presidente Rueda participará na inauguración da nova sede do Centro Español Santo Apóstol de Liechtenstein, que se converte na casa común de todas e todos os españois residentes no Principado dos que preto do 90% son galegos, e que agora contará cun local reformado grazas á colaboración económica da Xunta. Ese mesmo día, o titular do Goberno galego manterá un encontro coa colectividade galega na Asociación cultural As Xeitosiñas de Zürich, que agrupa ao conxunto dos galegos e galegas nesta cidade Suíza e durante máis de 40 anos traballa en favor do mantemento dos vínculos sociais, culturais e económicos do pobo suízo con Galicia.

Alfonso Rueda aproveitará estas citas para comprometer o apoio da Administración autonómica a todas e todos os galegos residentes nestes países e particularmente aos centros que os acollen e nos que realizan actividades para manter viva a galeguidade. Así mesmo, lembrará que todas e todos aqueles que desexen retornar a Galicia tamén contarán coa Xunta a través da Estratexia Galicia Retorna, coa que se pretende facilitar a volta de 30.000 persoas ata 2026.

455 lecturas