Rueda salienta a importancia dos emigrantes e os emprendedores na historia de Galicia e recorda que son os mellores embaixadores da nosa terra no mundo

O Conselleiro de Presidencia e o Secretario Xeral da Emigración inauguraron onte un cruceiro doado pola Xunta a diáspora de Valparaíso.

Listen to this page using ReadSpeaker

O Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, inaugurou onte un cruceiro doado pola Xunta de Galicia á colectividade galega de Valparaíso, onde destacou a importancia que tiveron os emigrantes e os emprendedores na historia e no presente da nosa comunidade e definiunos como os mellores embaixadores de Galicia no mundo.

Tanto Rueda como o secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, mantiveron onte un encontro coa colectividade galega de Valparaíso, onde visitaron as instalacións do Estadio Español e do Centro Gallego. No acto estiveron tamén o cónsul xeral de España, Víctor Fagilde; o presidente do Estadio Español, Sergio Pinto; o presidente do Centro Gallego, Jaime Pinto; e o alcalde de Valparaíso, Jorge Castro.

Tras a visita, procedeuse ao acto de inauguración do cruceiro, do que o conselleiro indicou que ten un gran significado para os galegos de Valparaíso e Viña del Mar, vinculado tanto á espiritualidade, como a arte popular, á galeguidade, á necesidade de atoparse nos cruces de camiños e á necesidade “de sentir unha conexión íntima e eficaz coa terra que os veu nacer”.

Nesa liña, Rueda engadiu que este cruceiro, situado lonxe de Galicia, tamén servirá de embaixador da comunidade en Chile, tal e como fan os numerosos galegos emigrados a este país suramericano, dos que gabou a labor diaria que realizan e a súa capacidade emprendedora, con empresas en numerosos ámbitos, especialmente o pesqueiro.

“Tedes sido e sodes traballadores exemplares e empresarios modélicos, e facedes da colaboración estreita entre Chile e España moeda de uso común e regra das vosas vidas”, incidiu o titular de Presidencia, que agardou que este cruceiro inaugurado hoxe sirva de punto de encontro e estampa de galeguidade, ao tempo que quede como referente da importancia dos emigrantes na historia e no presente de Galicia e de España.

O cruceiro de granito pesa dúas toneladas e ten cinco metros de altura, de un paso, dado, vara, capitel e cruz, con imaxes do Cristo na Cruz, de Santiago Apóstol Peregrino e da Virxe do Carme, figuras todas elas vinculadas coa historia galega e da chilena, como símbolo do pasado común e da aposta mutua polo entendemento na actualidade.

En imaxes
1059 lecturas