Rueda mantén un encontro coa colectividade galega de Alcobendas e participa na XVI Festa do Marisco

Destaca a capacidade de organización dos galegos en Madrid e o seu esforzo por promocionar a nosa terra.

Listen to this page using ReadSpeaker
23 de abril de 2011.

O titular de Presidencia e o responsable de Emigración visitaron o martes pasado a sede da Xuntanza de Galegos de Alcobendas, onde foron recibidos polo seu presidente, Ovidio Cadenas, que tamén é presidente da Federación de Asociacións Galegas en Madrid. Posteriormente, desprazáronse ao Parque de Galicia, onde participaron na XVI Semana Gastronómica e cultural do Marisco, acompañados tamén polo alcalde de Alcobendas, Ignacio García de Vinuesa.

Na súa intervención, Rueda destacou que grazas a colectivos como a Xuntanza de Galegos en Alcobendas, os cidadáns de fóra da nosa comunidade poden coñecer e gozar do que Galicia pode ofrecer, dende a súa gastronomía ata ás súas paisaxes e a súa música.

O conselleiro agradeceu aos galegos instalados en Madrid o esforzo que fan por promocionar a nosa terra, xa que a comunidade galega asentada na capital de España é un colectivo moi ben organizado e cohesionado, con varios centros galegos establecidos ao longo da xeografía da Comunidade de Madrid, como poden ser os de Tres Cantos ou Fuenlabrada, por citar algún.

Ademais, Rueda afirmou que a promoción de Galicia en Madrid non se fai so desde este tipo de centros senón a través das propias vidas dos galegos e galegas que habitan na capital. É o caso de importantes figuras do mundo da política, a banca, os negocios, o xornalismo ou estrelas do cine, o deporte ou a televisión, que actúan como “embaixadores de primeiro nivel”.

“Isto é o bonito da nosa terra, que o vínculo nunca se rompe. Nin os galegos emigrantes se esquecen de Galicia, nin Galicia se esquece dos galegos emigrantes”, asegurou o conselleiro. Desta máxima, nace o compromiso que a Xunta de Galicia mantén, a través da Secretaría Xeral da Emigración, con todos os galegos residentes no exterior”, concluíu.

1366 lecturas