O Consello acorda o recoñecemento de comunidade galega para a asociación "Xuntanza de Galegos de Alcobendas"

A entidade, que xa contaba co recoñecemento de centro colaborador, foi creada en 1988 e conta con 800 socias e socios.

Con esta nova incorporación, están adscritas arestora ao Rexistro de Galeguidade un total de 176 entidades en España, Europa e América, das que 110 contan coa categoría de ‘comunidade galega’.

Imaxe de arquivo da celebración do Día de Galicia en Alcobendas, organizada pola entidade galega na localidade madrileña
Imaxe de arquivo da celebración do Día de Galicia en Alcobendas, organizada pola entidade galega na localidade madrileña
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 24 de maio de 2017.

O Consello da Xunta vén de acordar o recoñecemento oficial de comunidade galega para a ‘Asociación Xuntanza Galegos de Alcobendas’, con sede nesta localidade madrileña, e que xa constaba coa categoría de ‘centro colaborador’ no Rexistro da Galeguidade, que xestiona a Secretaría Xeral da Emigración.

Tras esta nova incorporación, das 176 entidades contabilizadas no Rexistro da Galeguidade, 110 son comunidades galegas, 45 centros colaboradores, 16 centros de estudo e difusión da cultura galega, 4 federacións de comunidades e entidades, e 1 rede social. Por áreas, 88 teñen a súa sede en América, 61 nalgún país europeo distinto a España, e 27 nalgunha comunidade española distinta a Galicia.

A Asociación “Xuntanza de Galegos de Alcobendas”, presidida por Ovidio Cadenas, foi creada hai 29 anos. A súa banda de gaitas e danzas, e coro, teñen acadado certa resonancia na Comunidade Autónoma madrileña, e celebra actos sociais e culturais con importante presenza de galegas e galegos de primeira e segundas xeracións, e tamén de veciñanza xeral da localidade, moitas veces coincidindo con datas relevantes no calendario galego (Día das Letras, Día de Galicia, San Xoán, magostos, etcétera). A sede desta entidade é tamén a da Federación de Asociacións Galegas en Madrid (Fagama), comunidade autónoma con 14 inscritas no Rexistro da Galeguidade.

Arestora, e segundo os datos do INE a 1 de xaneiro de 2017, residen 77.989 galegas e galegos na rexión madrileña. Esta cifra non abrangue as segundas xeracións xa nadas na diáspora pero que, por mor do traballo de entidades como ‘Xuntanza’ de Alcobendas, conservan unha importante vinculación coa terra de orixe das e dos seus ascendentes.

En imaxes
559 lecturas