Rueda e Camba inauguran en Chile a exposición fotográfica “Olladas no Camiño de Santiago”

A mostra chega a Santiago de Chile tras pasar por máis de 15 localizacións en Arxentina ao longo do ano pasado.

Listen to this page using ReadSpeaker
7 de marzo de 2011.

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, inauguraron onte en Santiago de Chile a exposición fotográfica “Olladas no Camiño de Santiago”, unha mostra de imaxes que difunde o Xacobeo por aqueles lugares onde ten presenza a colectividade galega.

A mostra chega ao Estadio Español de Santiago de Chile tras pasar ao longo do ano pasado por 18 localizacións distintas na Arxentina, despois de que fose inaugurada por primeira vez en Bos Aires en decembro de 2009 polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. A exposición está a poñerse en marcha en colaboración coas distintas organizacións de emigrantes galegos e supón unha plataforma para proxectar o fenómeno Xacobeo e a imaxe de Galicia en Suramérica.

A exposición propón un conxunto diverso de miradas en torno ao Camiño de Santiago, amosando visións únicas de paisaxes e sitios históricos do Camiño Francés, da cidade de Santiago de Compostela e da continuación do camiño de Fisterra. Os peregrinos son o fío condutor do relato, onde se suceden os valores históricos, artísticos, espirituais, ecolóxicos e humanos deste Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

Seis prestixiosos fotógrafos galegos –Delmi Álvarez,Fernando Bella,Tino Martínez, Javier Teniente, Xulio Villarino e Tino Viz- ofrecen o seu persoal punto de vista sobre o Camiño de Santiago, Patrimonio da Humanidade e Premio Príncipe de Asturias da Concordia.

Na inauguración da mostra, o conselleiro da Presidencia convidou a todos os presentes a introducirse neste mundo apaixoante e agardou que as fotografías sexan unha invitación para que todos os asistentes e os seus familiares se animen a coñecer persoalmente o Camiño, unha das esencias da historia e do presente de Galicia, de España e de toda Europa.

1717 lecturas