A exposición "Olladas no Camiño de Santiago. Xacobeo 2010" poderá verse ata o día 22 de marzo en Mar de Plata

O Delegado da Xunta de Galicia en Buenos Aires inaugurou este mércores a mostra fotográfica no hall da Casa do Concello.

Listen to this page using ReadSpeaker
25 de febreiro de 2010.

O Delegado da Xunta de Galicia en Buenos Aires, Alejandro López Dobarro, inaugurou este mércores xunto ao Director Xeral de Museos de Xeneral Pueyrredón, Juan Bautista Mastropascua, a exposición “Olladas no Camiño de Santiago. Xacobeo 2010”.

O acto desenvolveuse no hall da Casa do Concello de Xeneral Pueyrredón, onde poderán visitarse as 60 fotografías de Delmi Álvarez, Fernando Bellas, Tino Martínez, Javier Teniente, Xulio Villarino e Tino Viz sobre as rutas de peregrinación xacobeas.

Juan Bautista Mastropascua agradeceu en nome da Municipalidade a achega desta exposición a Mar del Plata, onde residen gran cantidade de galegos e descendentes, e destacou os “lazos fraternais” que unen esta cidade da provincia de Buenos Aires e Galicia. Neste sentido, engadiu que con esta mostra “ábrese unha canle de contacto e intercambio para ter máis presente a realidade galega actual, a súa cultura, a súa moda, a súa gastronomía”.

Alejandro López Dobarro, pola súa banda, invitou aos marplatenses a achegarse a esta mostra sobre o Camiño de Santiago e coñecer un pouco máis do fenómeno Xacobeo neste ano Santo 2010. “Trátase dunha exposición que resume e transmite –dixo- o espíritu xacobeo e unha das peculiaridades máis identificativas de Galicia”. O Delegado da Xunta subliñou o contido espiritual da ruta e a capacidade de unir diversas culturas, crenzas e identidades e chamou aos cidadáns de Mar del Plata a coñecer algo máis da cultura de Galicia.

Miradas no Camiño de Santiago

Miradas no Camiño de Santiago é unha exposición organizada pola Xunta de Galicia para difundir en Arxentina o Xacobeo 2010. Logo da súa presentación na cidade de Buenos Aires e na localidade de Villa Gesell, chega agora a Mar del Plata, cando a cidade balnearia acolle a temporada de verán, multiplicando varias veces a súa poboación estable de 700.000 habitantes. O seu emprazamento no hall da Casa do Concello permitirá achegar a realidade e as características da peregrinaxe a Santiago a un público diverso e variado.

Logo deste emprazamento a mostra visitará a Córdoba, Santa Fé, Mendoza, Bahía Blanca, Azul, Puerto Madryn, Comodoro Rivadavia, Río Gallegos e Ushuaia.

1569 lecturas