Roi Casal recibirá o ‘Premio Internacional’ de Cubadisco 2014 durante o seu concerto na Habana

O artista galego coñeceu a concesión do galardón na súa xira por América, na que imparte concertos didácticos en varios centros galegos.

A XVIII Feira Internacional Cubadisco, o evento de maior relevancia para a industria discográfica da música cubana, celébrase na Habana do 17 ao 25 de maio
A XVIII Feira Internacional Cubadisco, o evento de maior relevancia para a industria discográfica da música cubana, celébrase na Habana do 17 ao 25 de maio
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2014.

Roi Casal e o seu grupo veñen de sumar un novo e importante fito na súa carreira artística, o Premio ao Mellor Disco Internacional en Cubadisco 2014, o máis importante certame musical anual cubano. A entrega do galardón realizarase durante o concerto que ofrecerán na Habana, coincidindo coa presenza do artista na illa.

Dáse a casualidade de que Roi Casal e o seu grupo atópanse estes días de xira por Montevideo, Bos Aires e propia capital cubana, dando a coñecer o seu novo álbum e tamén os temas musicais que os teñen levado ao cumio no panorama musical internacional. Ademais, e en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, o artista galego imparte nestes tres países diversas sesións didácticas ao profesorado e alumnas e alumnos de disciplinas artísticas e musicais dos centros e casas de Galicia de Uruguai, Arxentina e Cuba

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, ten enviado os seus parabéns ao artista e o seu grupo polo seu novo premio, agradecéndolles “todo o que estades facendo pola proxección exterior de Galicia. Os que a vivimos e sentimos sabemos que podemos gabarnos de sermos o que fomos, o que somos e, grazas a xente coma vós, tamén do que seremos”, afirma Miranda na súa carta de felicitación ao grupo.

O certame Cubadisco é o de maior reputación social e artística na illa, e do seu alto nivel da fe o feito de que no último ano foron galardoados co Premio Internacional o falecido e irrepetible guitarrista Paco de Lucía, ou o exitoso grupo Amaral.

En imaxes
867 lecturas