Roberto Varela recibe ao grupo Berrogüetto, embaixador de Galicia no Ano da Música, tras ser galardoados co premio da música á mellor canción en galego

Listen to this page using ReadSpeaker
14 de xuño de 2011.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, mantivo na tarde de onte un encontro amigable cos integrantes do grupo galego de música tradicional, Berrogüetto, embaixadores de Galicia no Ano da Música 2011 xunto con Mercedes Peón, Xoel López e Luar na Lubre. Na reunión que tivo lugar en San Caetano, o conselleiro felicitou aos compoñentes do conxunto polo Premio de la Música a la Mejor Canción en Gallego, outorgado pola Academia de las Artes y las Ciencias de la Música o pasado 19 de maio na gala da XV Edición de los Premios de la Música. O galardón recibido por Berrogüetto no teatro Arteria Coliseum de Madrid premia á súa canción Alalá da noite que abre o disco Kosmogonías, o seu último traballo de estudo.

A viaxe de Berrogüetto comeza en 1995, cando seis músicos de procedencias dispares se xuntaron coa intención de levar a música tradicional galega un paso máis aló, experimentando con novas sonoridades. Nun prazo moi breve, converteuse nunha das formacións de world music de referencia no ámbito internacional, coa mestura entre tradición e experimentación como sinal de identidade. Como eles mesmos aseguran, os integrantes de Berrogüetto cren na diversidade cultural como fonte de riqueza, de xeito que a súa inquietude pola música e as súas ganas de innovar leváronos a investigar con sons e instrumentos diferentes.

En 2011, Berrogüetto continúa desenvolvendo a xira de presentación de Kosmogonías, o seu quinto traballo discográfico, editado como os anteriores baixo o seu propio selo, e a través do que o grupo achega “unha colección de sons orgánicos” onde se plasma fielmente a súa especial concepción da música. Este novo disco presenta, ademais, dúas novidades importantes: dunha banda a incorporación de Xabier Díaz como voz da formación –que completan Anxo Pintos, Guillerme Fernández, Isaac Palacín, Quico Comesaña, Quim Farinha e Santiago Cribeiro– e doutra, a utilización da nickelharpa, un instrumento de corda, orixinario do folclore sueco e similar en aspecto a unha zanfona.

1098 lecturas