Roi Casal enche en Montevideo no primeiro concerto da súa xira americana

Tras a exitosa actuación de Montevideo, Roi Casal ofrecerá os seus próximos concertos en Bos Aires e A Habana
Tras a exitosa actuación de Montevideo, Roi Casal ofrecerá os seus próximos concertos en Bos Aires e A Habana
Listen to this page using ReadSpeaker
Vilagarcía de Arousa, 15 de maio de 2014.

A xira americana de de Roi Casal comezou con bo pé este martes en Uruguai. O músico catoirense conseguiu encher o Teatro Valle Inclán cun espectáculo que se enmarcou nos festexos do 135 aniversario do Centro Gallego de Montevideo, o máis antigo do mundo. Acompañado por un grupo de sete músicos, Roi Casal interpretou os mellores temas da súa discografía, incluídos os do seu terceiro traballo, Donos do noso destino, nun concerto ao que asistiron xentes de todas as idades, de distintas xeracións. En palabras do propio artista, déronse cita "moitos galegos, pero tamén moitos uruguaios, ou que amosa que a nosa música é universal, une identidades".

O espectáculo contou coa participación da arpista uruguaia Clara Radide no tema La Vieja, e de Marcelo Fernández, do grupo "Xeito Novo" de Bos Aires. Entre o público destacaron autoridades como Jorge Torres, presidente do Centro Gallego; Eduardo de Quesada, cónsul xeral de España en Montevideo; e representantes de distintas colectividades españolas e galegas da cidade.

Arxentina e Cuba
Este concerto foi o pistoletazo de saída da xira Pura esencia de Galicia, que nos próximos días levará a Roi Casal a outros países de América Latina. Mañá, recalará nun dos teatros máis importantes de latinoamérica e un das iconas de Bos Aires, o Teatro Avenida, no que compartirá de novo escenario con "Xeito Novo" e tamén co seu pai, Nando Casal, integrante de Milladoiro. A primeira fase deste tour pecharase o 20 de maio no Festival Internacional Cubadisco 2014, na Habana, onde terá como artistas invitados a Banda de Gaitas Eduardo Lorenzo. Despois do verán, Roi Casal regresará ao continente americano para ofrecer varios concertos en Estados Unidos.

 

Fonte: Diario de Arousa

En imaxes
604 lecturas