Rodríguez Miranda visita esta fin de semana en Suíza cinco cidades e nove entidades, e reúnese cos presidentes e presidentas da diáspora galega
O secretario xeral aproveita a súa viaxe á Confederación Helvética para insistir na mensaxe de unidade entre os centros, e de aproveitamento e eficiencia no uso dos recursos, tanto propios das entidades como públicos.
A emigración galega no país centroeuropeo, que conforman 37.000 residentes, é un exemplo de integración social e cultural no país de acollida.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, realiza a súa primeira toma de contacto coa diáspora galega na Confederación Helvética, [onde chegará á última hora de hoxe venres]. Nada máis aterrar en Zürich, desprazarase ata Basilea, onde visitará as instalacións do Centro Recreativo Cultural Ourense, que preside Daniel Díaz, e posteriormente da Sociedade Galega Sementeira, a cuxa cabeza está Ramón Carreira. Nesta entidade manterá unha xuntanza de traballo coas respectivas directivas.
Xa o sábado, o seu periplo levarao por catro cidades máis do oeste suízo: Lucerna, Berna, Lausanne, e Xenebra. Antes do xantar, visitará o Centro Galego de Lucerna, que preside José Manuel Puñal, e o seu homónimo de Berna, con Carlos Fraga na Presidencia, onde terá oportunidade de departir coas directivas e socios e socias de ambas entidades. Tamén en Berna cursará visita á Asociación Rosalía de Castro, que preside María Barcia-Allo.
Igualmente en Berna compartirá unha reunión de traballo ao que están convocados as e os presidentes dos 18 centros e entidades galegas na Confederación Helvética, asentados en Olten, Zug, Erlenbach, Widnau, Schaffhausen, Sion, e Zürich, ademais das cinco cidades que visita o secretario nesta viaxe. Na mesa estarán presentes representantes de comunidades con recoñecemento oficial de galeguidade, pero tamén centros colaboradores no ámbito da Emigración.
Tralo encontro de mediodía, viaxa a primeira hora da tarde ata Lausanne, onde coñecerá as inquedanzas da asociación local Promoción da Cultura Galega, que fai honra ao seu nome con diversas actividades ao longo do ano, e que preside Manuel Amarelle.
En Xenebra
Xa a última hora da tarde do sábado, en Xenebra, Miranda terá oportunidade de coñecer a Sociedade A Nosa Galiza, cuxo secretario xeral é José Framil, así como a entidade Sociedad Fútbol Club Tordoya que, malia o seu nome, realiza todo tipo de actividades sociais e culturais, e que preside Jesús Manuel Cebey.
A noite do sábado ten lugar en Xenebra unha celebración moi especial, a do Entroido 2013, evento organizado pola Irmandade Galega na Suíza, que preside Ana María Mera. O acto desenvolverase na popular Salle de Fêtes d’Aïre, alugada para a ocasión pola entidade promotora do evento, ao que se agarda que acudan en torno a 400 persoas, na súa inmensa maioría galegos e galegas de nacemento ou de segunda xeración.
O obxectivo da viaxe do secretario xeral, ademais dunha primeira toma de contacto coa colectividade galega na Suíza, é coñecer de primeira man a situación real dalgunhas entidades máis representativas da diáspora naquel país, non só daqueles con recoñecemento oficial de galeguidade senón tamén dos centros que colaboran nos obxectivos e programas da Secretaría Xeral da Emigración.
Asuntos na axenda
A mensaxe básica que Miranda transmitirá a todas estas entidades é a de potenciar a unión naqueles ámbitos territoriais onde sexa posible, coa finalidade de facelas máis consistentes e así fornecer as comunidades galegas no Exterior. Reforzar o papel da muller e da mocidade na diáspora será outros dos asuntos fundamentais que o secretario xeral exporá ás directivas das entidades, se ben o que desexa Miranda é, ante todo, escoitar as demandas e inquedanzas das e dos representantes da diáspora nun país que alberga, segundo os últimos datos do PERE (Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro) máis de 37.000 galegas e galegos.
Asemade, o secretario xeral incidirá na necesidade, dadas as dificultades económicas que atravesan Galicia e toda a Unión Europea, de optimizar a utilización dos recursos, tanto os xerados polas propias entidades, coma dos que o Goberno galego pon a disposición das comunidades para a promoción da lingua e cultura galegas, para o que se revela de alto interese a unidade de acción, e mesmo a especialización, das distintas entidades.
Economía, e cultura
O máximo responsable autonómico en materia de Emigración tamén reiterará a petición do Goberno galego de colaboración das entidades galegas para afianzar a internacionalización da economía galega, e de axuda para a busca de novos investimentos na Galicia territorial, aproveitando a experiencia profesional e humana dos milleiros de galegos e galegas residentes na Confederación.
Da mesma maneira, interesarase pola inmensa axenda de actividades sociais que os centros galegos desenvolven naquel país, que os converte en referente internacional en canto á difusión dunha cultura nun terceiro país, e en exemplo de integración dun colectivo estranxeiro nunha nación non pertencente á Unión Europea. De feito, tense introducido recentemente na política suíza o debate sobre a limitación de acceso das e dos inmigrantes, sen que ninguén, en ningún caso, teña posto en tea de xuízo a importantísima contribución que a diáspora galega ten realizado, e aínda realiza, ao desenvolvemento helvético.
Novas relacionadas




