Rodríguez Miranda e Villares Paz presentan a obra sobre Pulpeiro e visitan a mostra “Galicia Imaxinada”

Estas son dúas das actuacións previstas no acordo de colaboración entre a Secretaría Xeral da Emigración e o Consello da Cultura Galega.

  • Na presentación do libro, de esquerda a dereita: a filla do editor, Silvia Pulpeiro; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; e o coautor do libro, Pablo Rodríguez
    Na presentación do libro, de esquerda a dereita: a filla do editor, Silvia Pulpeiro; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; e o coautor do libro, Pablo Rodríguez
  • Na vista á mostra, Chus Martínez, comisaria da exposición, e Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración
    Na vista á mostra, Chus Martínez, comisaria da exposición, e Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2016.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e mailo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz, presentaron en Santiago a obra dedicada ao egrexio emigrante Eliseo Pulpeiro, editor da revista 'Céltiga', unha das máis salientables de entre as publicadas polos galegos e galegas da diáspora, e que que xogou un papel crucial no proceso de afirmación e desenvolvemento do galeguismo entre as comunidades galegas de América.

No acto de presentación do libro, que leva por título Eliseo Pulpeiro. As letras galegas entre dúas ribeiras (Ribadeo e Río da Prata), estivo presente a filla do editor, Silvia, e o outro autor do volume, Pablo Rodríguez.

Posteriormente, e guiados pola comisaria da exposición, Chus Martínez, visitaron a mostra Galicia imaxinada, que compila diversos exemplares das publicacións máis senlleiras das galegas e galegos do Exterior, e que visualiza de xeito gráfico a influencia da emigración na creación dos símbolos de Galicia. A mostra pode visitarse no Pazo de Fonseca.

Na visita púidose comprobar a orixinalidade e intencionalidade na distribución dos vinte paneis que compoñen a exposición. Neles pódense ver exemplares de revistas porteñas como 'Suevia' e 'Almanaque Gallego', xunto coas habaneiras 'Eco de Galicia' e 'Tierra Gallega', que permiten acadar unha imaxe completa da cultura visual da época e reconstruír a “Galicia imaxinada” das e dos emigrantes.

Acordo
A publicación da obra sobre Pulpeiro, e a mostra que hoxe visitaron Miranda e Paz, son dúas das actuacións derivadas do acordo de colaboración subscrito entre a Secretaría Xeral da Emigración e o Consello da Cultura Galega, para poñer en valor a pegada histórica e cultural da diáspora en Galicia.

Ademais, e mercé ao devandito acordo, elabórase a primeira fase do plan director para a conservación do patrimonio documental das sociedades de galegas e galegos no Exterior, lévase a cabo a dixitalización da documentación relacionada coa emigración depositada en arquivos consulares en Brasil e Cuba, e tamén un estudo a fondo dos fluxos migratorios a e desde Galicia.

En imaxes
775 lecturas