Eliseo Pulpeiro. As letras galegas entre dúas ribeiras (Ribadeo e Río da Prata)

Eliseo Pulpeiro. As letras galegas entre dúas ribeiras (Ribadeo e Río da Prata)

Obra publicada polo Consello da Cultura Galega coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia. Eliseo Pulpeiro (Ribadeo 1901 – Bos Aires 1974) emigra cos seus pais e irmáns a Arxentina cando acaba de cumprir doce anos. Nunca se esquece do seu Ribadeo e da súa Galicia e segue desde a distancia todo aquilo que acontece na terra que o viu nacer.

Esta publicación contribúe a facer emerxer a súa figura na historia de Galicia, nomeadamente na parte americana, pero tamén no campo das letras galegas. Foi posible grazas ao traballo de recuperación de dúas persoas: a súa filla Sylvia Pulpeiro e o investigador ribadense Pablo Rodríguez, que construíron unha biografía en que deron voz ao propio Pulpeiro.

A través dela descóbrese o relato dun persoeiro que vai máis alá de ser o fundador e director literario de Céltiga, unha das máis importantes revistas da emigración galega en América. Compílase unha nutrida representación dos seus escritos en prosa e en verso, asinados co seu nome ou baixo pseudónimos (Xandomar, Critias...), que permiten debuxar un home fondamente asentado na terra, un observador minucioso, culto e fondamente galeguista, dotado a partes iguais dun estilo irónico e crítico. Un escritor tenaz que teceu unha ponte entre o Río da Prata, polo que navegou, e o río Eo, no que se criou.

ISBN: 
978-84-92923-66-3
Autor: 
Sylvia Pulpeiro & Pablo Rodríguez Fernández (eds.)
Ano publicación: 
2016
Idioma: 
Galego
Editorial: 
Consello da Cultura Galega
181 lecturas