Emigración e Consello da Cultura Galega amosarán o labor desenvolto polas sociedades de emigrantes de América no campo educativo en Galicia.

Ambas partes asinaron un convenio, dotado con 80.000 euros, que contempla tamén a edición e publicación facsimilar do “Almanaque Gallego” correspondente aos anos 1918-1927. O acordo prevé ademais inventariar e dixitalizar documentación sobre a inmigración galega en Brasil, especialmente nas áreas de Sao Paulo e Río de Janeiro.

Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba Bouzas, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz, asinaron pasado martes un convenio de colaboración polo que ambos organismos se comprometen a realizar unha exposición sobre o labor educativo das asociacións de emigrantes galegos.

Dita mostra, que levará por nome Luces de alén mar, servirá, deste xeito para amosar, a través de paneis e dun catálogo, o traballo desempeñado en Galicia polas sociedades de emigrantes de América, concretamente sobre as construcións escolares financiadas por esas asociacións.

Así mesmo, o convenio, que contará cunha achega de 80.000 euros -60.000 correspondentes á Secretaría Xeral da Emigración e 20.000 ao Consello da Cultura Galega- compromete a ambas entidades a traballar conxuntamente na realización, edición e publicación facsimilar do “Almanaque Gallego” correspondente aos anos 1918-1927 en dous volumes. Trátase dunha publicación editada en Bos Aires por Manuel Castro López, e que contaba con colaboradores como Manuel Leiras Pulpeiro, Manuel Murguía ou José Pérez Ballesteros.

Por último, o convenio servirá para inventariar e dixitalizar documentación sobre a inmigración galega en Brasil, especialmente nas áreas de Sao Paulo e Río de Janeiro. Todas estas actuacións recollidas no acordo estarán a disposición do público a través da páxina web www.galiciaaberta.com.

2063 lecturas