Rodríguez Miranda e o lehendakari Urkullu participaron no Día de Galicia en Euskadi
A gran celebración anual conxunta das comunidades galegas no País Vasco tivo lugar nesta ocasión en Santurce.
Miranda asistirá tamén o vindeiro martes a unha cita similar en Pamplona, coincidindo coas festas patronais da capital navarra.
O secretario xeral da Emigración percorre estes días ambas comunidades autónomas, coñecendo de primeira man as instalacións e necesidades das colectividades galegas.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, compartiu este mediodía a celebración central da vixésimo sétima edición do Día de Galicia en Euskadi co presidente vasco, Íñigo Urkullu. Ambos mandatarios salientaron o alto grao de entendemento entre estes dous pobos irmáns, e gabaron o papel histórico e o nivel de integración dos galegos e galegas na sociedade receptora.
Non é a primeira vez que a máxima instancia do Goberno Vasco participa nesta xornada festiva e de irmandade da colectividade galega residente naquelas terras, o que dá fe da importancia da colonia galega en Euskadi, e da súa relevancia nos eidos cultural, social, político, e económico, na sociedade que os acolle.
Asemade, Miranda instou na súa alocución no Parque de Guernica de Santurtzi a afondar nesa ligazón, e invitou ás colectividades galegas a serviren de “axentes e embaixadores turísticos, empresariais, culturais” da Galicia territorial máis aló das fronteiras propias: “Estou certo que nos axudaredes no labor de proxectar Galicia máis aló das súas fronteiras naturais”, afirmou.
O secretario xeral tamén agradeceu fondamente o labor realizado ata o momento polos galegos e as galegas en Euskadi, todo un “exemplo de unidade”, segundo salientou: “Nesa unión fostes pioneiros, e marcastes o Norte –nunca mellor dito- para moitas outras entidades de Galicia espalladas polo mundo enteiro”.
Percorrido
Rodríguez Miranda percorre estes días o País Vasco e Navarra coñecendo de primeira man as instalacións, as inquedanzas, as aspiracións, as directivas, e boa parte das asociadas e asociados, das casas e centros de Galicia con sede en ambas Comunidades Autónomas. Non en van, a pegada da diáspora galega alí é notoria, e socialmente moi relevante.
Ademais da Casa de Galicia de Santurce, onte sábado tivo oportunidade de coñecer a homónima de Bilbao capital, e ao longo deste Día de Galicia coñecerá outras dúas da Marxe Esquerda da Ría: a Agrupación Fillos de Galicia de Sestao (cuxa presidenta, Pilar Rodríguez, é tamén a máxima mandataria da Irmandade de Centros Galegos en Euskadi), e o Centro Galego de Biscaia en Baracaldo, fundado en 1901, e por tanto un dos máis lonxevos da Galeguidade.
Asemade, o luns pisará as tres provincias vascas continuando a súa viaxe. Así estará na casa Cultural As Burgas de Eibar (Guipúzcoa), e nos centros galegos de Ermua (Biscaia) e Llodio e Vitoria (Álava).
O secretario xeral da Emigración concluirá este martes a súa nova andaina institucional en Pamplona. Coincidindo coas internacionalmente coñecidas festas patronais de San Fermín, o Lar Galego da capital navarra celebra tamén o Día de Galicia, que Rodríguez Miranda aproveitará para fornecer as ligazóns entre a Galicia territorial e os galegos e galegas asentados na Comunidade Foral.
Novas relacionadas



