Rueda e Miranda instan ás e aos paisanos no País Vasco a fortaleceren a imaxe e proxección de Galicia no XXX aniversario da Irmandade de Centros Galegos en Euskadi

O vicepresidente da Xunta gaba o carácter pioneiro desa unión, e insta a incrementala, para garantir a presenza da Galeguidade no futuro do País Vasco.

O secretario xeral da Emigración anima ás comunidades galegas alí residentes a daren a coñecer tódalas potencialidades de Galicia “entre os colectivos non ligados directamente coa nosa terra”.

  • De esquerda a dereita: Antonio Rguez. Miranda, Alfonso Rueda, Juan Mari Aburto, Íñigo Urkullu e Pilar Rodríguez
    De esquerda a dereita: Antonio Rguez. Miranda, Alfonso Rueda, Juan Mari Aburto, Íñigo Urkullu e Pilar Rodríguez
  • Autoridades galegas e vascas, con integrantes dos grupos folclóricos das entidadees galegas en Euskadi
    Autoridades galegas e vascas, con integrantes dos grupos folclóricos das entidadees galegas en Euskadi
  • O acto central do XXX Aniversario da Irmandade celebrouse no Teatro Campos Elíseos da capital biscaíña
    O acto central do XXX Aniversario da Irmandade celebrouse no Teatro Campos Elíseos da capital biscaíña
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2015.

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acudiron no Teatro Campos Elíseos de Bilbao aos actos de celebración do trixésimo aniversario da fundación da Irmandade de Centros Galegos en Euskadi, que preside Pilar Rodríguez.

No acto, ademais dos representantes do Goberno galego, estiveron en representación do Goberno Vasco o Lehendakari, Iñigo Urkullu, e  por parte do Concello da capital biscaíña o alcade Juan María Aburto.

Na súa alocución, o número dous do Executivo galego instou a fortalecer a unidade da colectividade galega no País Vasco: “Fostes pioneiros en unir as vosas forzas para garantir un presente de estabilidade, e o relevo xeracional. Nos vosos centros pode verse mocidade nada xa nesta comunidade amiga, pero que viven a Galeguidade con orgullo e paixón, e iso é motivo de fonda ledicia. Convídovos a seguir facendo aínda máis pequena a distancia entre Euskadi e a nosa querida terra, por moito que algúns prefiran, neste pleno século XXI, afastar a achegar, enfrontar a unir”, afirmou Rueda.

O vicepresidente tamén gabou o papel das galegas e galegos que residen no País Vasco como excepcionais axentes culturais e turísticos: “Sodes embaixadores dunha terra que os vosos veciños e veciñas foron coñecendo, fundamentalmente, da vosa man. Invítovos a que axudedes a que afonden nese coñecemento, a fortalecer ese voso papel tan importante de representantes de todo o bo que ten Galicia”.

Rodríguez Miranda insistiu nese papel promotor da Galeguidade no País Vasco, pero instouna tamén a axudar na proxección exterior de Galicia “entre os colectivos non ligados directamente coa nosa terra, de maneira que coñezan as súas potencialidades como destino turístico, cultural, e por suposto económico e de investimento empresarial”.

A ‘Irmandade’
A Irmandade de Centros Galegos en Euskadi creouse coa finalidade de promover e establecer nexos de unión e vínculos de cooperación e solidariedade entre as sociedades galegas afincadas en Euskadi, así como promover o coñecemento da lingua, cultura, historia, xeografía, folclore, gastronomía, e costumes de Galicia.

Segundo os datos do Padrón Continuo do INE a 1 de xaneiro de 2015, nas tres provincias vascas residen 44.411 galegas e galegos nacidos en Galicia, representados en boa parte polas dez asociacións que conforman a Irmandade: o Centro Galego de Bizkaia en Barakaldo, a Casa de Galicia en Bilbao, a Casa Cultural de Galicia ‘As Burgas’ de Eibar, o Centro Galego de Ermua, o Centro Galego de Llodio, a Casa de Galicia de Ondarroa, a Casa de Galicia en Guipúscoa (de San Sebastián), a Casa de Galicia en Santurce, a Agrupación ‘Hijos de Galicia’ de Sestao, e o Centro Galego de Álava (en Vitoria).

A Irmandade encárgase de organizar diversas actividades comúns a tódalas asociacións, como concursos de poesía en galego ou de fotografía, e tamén o ‘Día de Galicia en Euskadi’. Fai rotar a celebración do Día de Galicia en Euskadi entre as distintas localidades na que se radican as entidades galegas e ten unha importante repercusión social, cultural e mesmo política, pois a esa efeméride acoden representación de tódalas institucións vascas, sendo habitual a presenza do propio lehendakari, mostra da relevancia da colectividade galega na Comunidade Autónoma vasca.

Asemade, a importancia social da Irmandade de Centros Galegos en Euskadi fixo posible que, nos seus dous primeiros anos de funcionamento, a área expositiva sobre a actualidade e calidade galegas ‘Galicia, Pórtico Universal’ estivera precisamente presente no Día de Galicia en Euskadi, na primeira ocasión en Santurce e na segunda en Vitoria. En ambos casos, con amplo seguimento por parte da propia colectividade galega, pero tamén cunha importante repercusión entre a veciñanza local e visitantes.

A xornada
Ademais do acto institucional ao que asistiron Rueda e Miranda, neste XXX aniversario tiveron lugar outras actividades especiais, como a proxección do documental Pasado, presente e futuro da Irmandade de Centros Galegos en Euskadi, a actuación conxunta de representantes dos grupos de folclore das entidades galegas membros da Irmandade, un xantar de confraternidade cos socios e socias das distintas comunidades galegas, e mesmo  a asociación ‘O Fiadeiro’ presentou unha gala específica para a ocasión.

1457 lecturas