Roberto Varela asegura que Galicia viaxa coa voz de Luz Casal “traspasando fronteiras e chegando a millóns de persoas”

O Conselleiro de Cultura e Turismo e a cantante Luz Casal presentaron onte na Cidade da Cultura os concertos que a artista ofrecerá dentro da programación do Ano da Música de Galicia 2011. O próximo 22 de xullo a Praza da Quintana acollerá o concerto de Luz en Santiago, con motivo das Festas do Apóstolo. O día 23 de xullo, a actuación será en Pontevedra, no marco do novo Festival Internacional Rías Baixas de Música, Danza e Teatro.

Na presentación, Roberto Varela referiuse a Luz Casal como “unha das voces máis recoñecibles da música española dos últimos tempos” e exemplo “dunha artista que sabe renovarse e reinventarse continuamente”.

O Conselleiro animou aos galegos a participar nos eventos do Ano da Música “co que queremos salientar o labor cultural que desenvolven os artistas, os creadores e a nosa industria musical ao completo”.

Listen to this page using ReadSpeaker

O Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou na mañá de onte na Cidade da Cultura xunto a Luz Casal os concertos que a cantante ofrecerá en Galicia dentro da programación do Ano da Música 2011. O Conselleiro asegurou que na música de Luz atópase “o trazo das súas raíces galegas, que viaxa con ela traspasando fronteiras e chegando a millóns de persoas”, contribuíndo deste xeito “á promoción e difusión de Galicia no exterior”. O acto contou ademais coa participación da xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño e do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Juan Carlos F. Fasero. O Conselleiro gabou o currículo de Luz Casal, da que dixo que “con trinta anos de carreira profesional en solitario e máis de cinco millóns de discos vendidos, pode presumir de ser unha artista recoñecida en todo o territorio español, en Francia, en Latinoamérica e en moitas outras partes de Europa e do mundo”. Roberto Varela salientou o talento da cantante coruñesa como o “exemplo dunha artista que sabe renovarse e reinventarse continuamente” e definiu a súa voz como “unha das máis recoñecibles da música española dos últimos tempos”. “Unha voz que Luz Casal sabe acomodar como ninguén aos máis diversos estilos, xa sexa rock, pop, baladas ou boleros, como no seu último álbum, que leva por nome La pasión”, engadiu.

O programa co que a Xunta de Galicia conmemora o Ano da Música 2011 inclúe un concerto de Luz Casal na Praza da Quintana, con motivo das Festas do Apóstolo, o próximo 22 de xullo. Luz actuará ao día seguinte, 23 de xullo, en Pontevedra no marco do novo Festival Internacional das Rías Baixas de Música, Danza e Teatro. Para o Conselleiro, nesta programación “non podía faltar o regreso aos escenarios de Luz”, un regreso que sinalou como “un dos máis esperados polos amantes da boa música e que era especialmente desexado polos seus numerosos seguidores galegos”.

Homenaxe á música galega
Na súa intervención, Roberto Varela animou aos galegos a participar nos concertos de Luz Casal, así como nos eventos do Ano da Música de Galicia 2011 “co que queremos salientar o labor cultural que desenvolven os artistas, os creadores e a nosa industria musical ao completo”. Segundo informou o conselleiro, o obxectivo principal do Ano da Música é “a posta en valor dunha das expresións culturais máis fortes da nosa terra e que mellor nos representa”.

O responsable da área de Cultura e Turismo manifestou como desde a Xunta de Galicia “estamos a salientar de forma moi especial o sobranceiro papel de embaixadores de Galicia que cumpren os nosos músicos”, xa que o Ano da Música “é unha merecida homenaxe que Galicia lles quere render a todos eles e tamén un xeito de darlles as grazas”. Ao fío desta idea, o conselleiro aseverou que esta é “unha extraordinaria ocasión para agradecerlle en persoa a Luz Casal todo o que ten feito ao longo da súa carreira en prol da música e en prol de Galicia”.

Traxectoria profesional
A cantante Luz Casal, natural de Boimorto (A Coruña), mostrou sempre unha vocación inquebrantable de querer dedicarse á música. Desde a publicación en 1982 de Luz, o seu primeiro disco, o público e a crítica recoñeceron a súa profesionalidade e a calidade do seu traballo que, tras éxitos en 1989 con temas como Loca, Te dejé marchar ou No me importa nada, a converteron na solista española por excelencia.

Con Tacones Lejanos de Pedro Almodóvar e a interpretación de Luz Casal de Piensa en mí e Un año de amor márcase un punto de inflexión na carreira dunha artista que abarca todas as facetas e rexistros posibles. A partir deste momento, a cantante galega alcanza altos niveis de composición producindo 4 discos entre os que destaca Como la flor prometida (1995) e o single Entre mis recuerdos, chegando a acadar un Goya pola banda sonora de El Bosque animado.

En 2007, Luz publica Vida tóxica como resultado creativo e valente da súa loita contra o cancro e, en 2009, chega o seu duodécimo disco La Pasión. Neste traballo, Luz Casal achega ao seu público unha homenaxe ao bolero latinoamericano na expresión máis enraizada da súa orixinalidade. O álbum é unha viaxe ao pasado, onde a artista interpreta os boleros desde a súa orixe, volvendo ao seu afán de pureza. Luz Casal realiza un percorrido en branco e negro polo xénero que dominou o universo musical latinoamericano durante a maior parte do século XX. A cantante galega fala do amor e do desamor, do rancor e da esperanza, servíndose das letras de grandes poetas dos anos 40, 50, 60 e 70 e sen esquecer o seu estilo directo e rotundo. Luz Casal ponlle voz as grafías de Carlos Brito, Julio Rodríguez, Lucho Gatica ou Eduardo Magallanes.

Entre as distincións ao seu traballo e á súa traxectoria vital, Luz Casal recibiu en 2010 a Medalla Castelao, o título de filla predilecta de Boimorto e a Medalla de Ouro das cidades de Madrid e París. En novembro de 2009, foille outorgada a Medalla das Artes e das Letras de Francia.

1302 lecturas