Emigración amplía ata o 22 de febreiro o prazo para presentar as solicitudes das axudas económicas individuais e para comunidades galegas

Tres resolucións publicadas hoxe no DOG establecen esta ampliación, que ten por obxectivo facilitar a presentación de solicitudes no período estival que viven arestora países cun amplo número de galegas e galegos.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2016.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asina cadansúa resolución que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia, polas que se amplía o prazo para a presentación de solicitudes a tres liñas de subvención do seu departamento. Segundo destacan as respectivas ordes hoxe publicadas no DOG, “a coincidencia do prazo de presentación de solicitudes co período estival nos países de Hispanoamérica aconsella proceder” a esta ampliación.

A primeira das ampliacións atinxe ao programa de axudas económicas individuais para residentes no exterior para este ano 2016, dirixido a persoas físicas, galegas e galegos residentes en terceiros países, que se atopan en diversas situacións de especial vulnerabilidade.

Mercé a este programa, máis de 8.000 familias galegas benefícianse cada ano da aposta social do Goberno galego, o que lles permite en moitos casos manter unhas condicións de vida case inviables sen estas axudas. Emigración destina a esta actuación 2’1 millóns de euros (100.000 euros máis ca o ano pasado), a terceira parte do seu orzamento efectivo.

Persoas e tamén Comunidades
As outras dúas ampliacións atinxen ás convocatorias dos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos para as comunidades galegas no exterior, e das subvencións correspondentes a programas de actuación en favor destas entidades. O aumento conxunto do orzamento este ano para ambas convocatorias é do 11’11 %.

No primeiro caso, as subvencións corresponden a dous programas diferenciados, un primeiro de axudas para a ampliación, reforma, rehabilitación e conservación das instalacións e/ou patrimonio cultural, e un segundo para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable. Para ambos programas destínase unha dotación conxunta de 575.000 euros.

No segundo caso, dentro da liña de subvencións establécense tres programas concretos: o primeiro, axudas para gastos correntes de funcionamento, dotado con 400.000 euros; un segundo, de axudas para proxectos culturais, sociais, de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude, cun orzamento de 500.000 euros; e o terceiro, de accións de especial relevancia promovidas por comunidades galegas, que conta cunha dotación de 100.000 euros.

1239 lecturas