Emigración aumenta ata 1’6 millóns de euros a partida para funcionamento, actividades, apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos das comunidades galegas no exterior, e adianta a súa convocatoria

O investimento global na liña de axuda destinada a funcionamento e actividades sobe un 11’11% respecto do pasado exercicio 2015.

O Diario Oficial de Galicia publicará nos últimos días deste mes as dúas ordes reguladoras, de maneira que a tramitación administrativa poida acelerarse todo o posible.

Para Rodríguez Miranda, con estas partidas axúdase “á solidariedade dos galegos da diáspora cos máis desfavorecidos, un dos grandes activos da Galicia Universal”.

Miranda gabou o labor dos centros da diáspora galega
Miranda gabou o labor dos centros da diáspora galega
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2015.

O Diario Oficial de Galicia publicará, antes de que remate o ano, dúas resolucións que instrumentarán a principal liña de axudas do Goberno galego ás comunidades galegas no Exterior. Por unha parte, subvencións en réxime de concorrencia competitiva para gastos de funcionamento e para proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos fins nas áreas sociais, de xuventude, formativas, e culturais das comunidades galegas. E, doutra, subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos para as mesmas.

A primeira das liñas de apoio está dotada no orzamento de 2016 cun total dun millón de euros, o que supón un aumento dun 11’11 por cento respecto do exercicio orzamentario de 2015. Canto á segunda, nesta ocasión conta cunha previsión de investimento que se aproxima aos 600.000 euros. Así, Emigración destinará no entorno de 1’6 millóns de euros a reforzar a presenza de Galicia, a súa cultura, actualidade e calidade, en tódalas sociedades e países con presenza de comunidades galegas.

Funcionamento e actividades
A primeira das convocatorias establece como prazo límite para a presentación de solicitudes o mes de febreiro, e especifica os máximos subvencionables segundo o tipo de proxectos. Tamén especifica o tipo de documentación para a xustificación e acreditación do gasto realizado.

Dentro desta liña de subvencións, establécense tres programas concretos. O primeiro, axudas para gastos correntes de funcionamento, dotado con 400.000 euros; un segundo, de axudas para proxectos culturais, sociais, de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude, cun orzamento de 500.000 euros; e o terceiro, de accións de especial relevancia promovidas por comunidades galegas, que conta cunha dotación de 100.000 euros.

Neste terceiro programa encádranse o acceso a liñas específicas ás que se poden acoller as comunidades froito da unión de varias entidades, e as colaboracións establecidas entre as comunidades galegas e diversos departamentos da Xunta para a promoción da nosa terra fóra do territorio, como é o caso de “Galicia Pórtico Universal”.

Infraestruturas e equipamentos
A segunda das ordes a publicar antes da fin do ano é a que establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos. Esta liña de apoio ás comunidades divídese en dous programas, un primeiro de axudas para a ampliación, reforma, rehabilitación e conservación das instalacións e/ou patrimonio cultural, e un segundo para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable. Para ambos programas destinarase unha dotación no entorno dos 600.000 euros.

En palabras do secretario xeral da Emigración, “unha das fortalezas de ambas liñas de axuda é a grande vinculación que manteñen os emigrantes con Galicia a través dunha rede de sociedades e entidades espalladas por todo o mundo, fundamentalmente en América, que contan a maior parte deles con servizos de protección -sanitarios, residencias de anciáns, centros de día- e o carácter de solidariedade cos seus paisanos máis desfavorecidos dos seus fundadores, que aínda perdura, e que é un dos grandes activos da nosa diáspora, da Galicia Universal”.

Estas achegas da Secretaría Xeral da Emigración vense ampliadas, asemade, a través de convenios coas entidades de carácter asistencial, complementando así a tarefa que desenvolven co apoio económico para contribuír ao mantemento deses centros de día, residenciais, e diversas actuacións de tipo asistencial.

O procedemento de concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos que se debe axustar a xestión das subvencións e axudas outorgadas polas administracións públicas.

Outras axudas adiantadas
Tal e como xa se ten anunciado, cómpre lembrar que, ademais destas axudas, a Secretaría Xeral da Emigración prevé tamén adiantar a convocatoria anual das axudas individuais, das que se benefician oito mil familias galegas residentes no Exterior en situación de precariedade. A achega para esta outra liña de investimento social alcanza no orzamento de 2016 un total de 2’1 millóns de euros, o que supón en torno á terceira parte do orzamento efectivo de Emigración de 2016. O prazo para as solicitudes rematará o 8 de febreiro, polo que os trámites de presentación adiántanse un mes respecto do exercicio pasado

Coa publicación das convocatorias no DOG, previstas para este mes de decembro, tanto das axudas económicas individuais para galegas e galegos no estranxeiro, coma das liñas de subvención para as comunidades galegas, a Secretaría Xeral cumpre co seu compromiso de adiantar todo o posible as achegas para investimento social directo, fundamental en moitos casos para o mantemento das condicións de vida dos galegos e as galegas da diáspora.

1345 lecturas