Preto de 90.000 persoas visitaron a exposición “Olladas no Camiño de Santiago. Xacobeo 2010” en Rosario (Arxentina).

Entre o 5 e o 14 deste mes estivo exposta ao público na Festa Nacional das Colectividades e este venres abriuse no Centro Galego de Rosario.

O Delegado da Xunta de Galicia foi o encargado de inaugurar a mostra composta por 40 imaxes sobre o Xacobeo 2010.

López Dobarro asinou no Libro de Ouro do centro, mantivo un encontro coa comisión directiva e visitou as obras de remodelación en marcha.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2010.

Preto de 90.000 visitaron a exposición fotográfica “Olladas no Camiño de Santiago. Xacobeo 2010” en Rosario (Provincia de Santa Fé - Arxentina). As 40 imaxes de seis fotógrafos galegos estiveron expostas na caseta do Centro Galego de Rosario na XXVI Festa Nacional das Colectividades que reuniu entre o 5 e o 14 deste mes a representacións de 36 países e que contou con máis dun millón de visitantes.
 
O Delegado da Xunta de Galicia en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, destacou este venres o éxito de público desta iniciativa do Goberno galego para dar a coñecer a cultura Xacobea na República Arxentina, levada a cabo, nesta ocasión, coa colaboración do Centro Galego de Rosario. Segundo indicou López Dobarro, a versión reducida que se amosou na XXVI Feira das Colectividades permitiu “dar a coñecer o Camiño de Santiago e Galicia entre a sociedade santafesina e a grande cantidade de visitantes ao evento”. López Dobarro fixo estas declaracións na inauguración da mostra nas instalacións do Centro Galego de Rosario, onde permanecerá aberta ata finais de mes.

Ladislao Picallo Durán, presidente da entidade, agradeceu á Xunta de Galicia ter achegado esta exposición, que segundo destacou, contribuíu a facer desta edición da feira unha das máis exitosas nas que ten participado a asociación. A agrupación musical “Leira do Son”, formada por membros do Centro Galego, interpretou un repertorio de música tradicional no acto de apertura.

O Centro Galego de Rosario
Alejandro López Dobarro visitou este venres por primeira vez o Centro Galego de Rosario. Alí tivo ocasión de manter un encontro co seu presidente, Ladislao Picallo Durán, e con membros da Comisión Directiva con quen analizou os proxectos a futuro da entidade. O Delegado da Xunta asinou no Libro de Honra do centro, puido observar as dúas ilustracións orixinais de Castelao que integran o patrimonio do centro e fixo un percorrido polas dúas sedes da agrupación rosarina, comprobando as obras de remodelación en marcha.

 O Centro Galego de Rosario foi fundado o 5 de novembro de 1956 e conta na actualidade con preto de 300 asociados. Entre as súas actividades destacan as orientadas á difusión da cultura e música de Galicia. Así, danse clases semanais de gaita, cantareiras, coro e bailes tradicionais. A súa sede foi declarada de interese patrimonial pola Municipalidade de Rosario.

1869 lecturas