Preto de 150 actividades enchen Bos Aires de cultura galega

A Feira Internacional do Libro arrinca este xoves 21 na cidade porteña e nela participan preto dunha trintena de autoras e autores galegos e unha vintena de editoriais, que proxectarán o noso potencial literario neste evento de referencia internacional, que ten como cidade convidada a Santiago de Compostela.

Stand de Galicia na 42ª Feira Internacional do Libro de Bos Aires
Stand de Galicia na 42ª Feira Internacional do Libro de Bos Aires
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2016.

Galicia e Santiago de Compostela, como cidade convidada, protagonizarán desde este xoves 21 boa parte da actividade da 42ª edición da Feira Internacional do Libro de Buenos Aires. A produción literaria, o sector editorial e a cultura da nosa terra proxectaranse na cidade porteña a través dun programa de preto de 150 actividades que se desenvolverá desde mañá ata o 9 de maio. O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidirá a inauguración deste evento de referencia internacional desde o ‘stand’ de Galicia, un acto que se celebrará este xoves.

Con todo, o pavillón porteño ‘La Rural’ xa acolle actividade, en concreto, unhas Xornadas Profesionais nas que participan as editoriais galegas Galaxia, Alvarellos, KNS, Nova Galicia Edicións e Hércules de Ediciones, e no marco das que hoxe se presenta o novo selo Mar Maior, a cargo de Víctor F. Freixanes, Carlos Brandeiro, María Rosa Lojo e Nelly Espiño.

Programa multidisciplinar
O protagonismo do libro galego na feira artellarase arredor de presentacións de títulos da produción editorial galega actual, de coloquios sobre diferentes temáticas, como a poesía escrita por mulleres, a novela negra en Galicia ou a tradución dos clásicos; e de encontros cos lectores e lectoras nas bibliotecas municipais e diálogos co alumnado. Así mesmo, están programadas intervencións artísticas, lecturas dramatizadas, recitais poéticos, obradoiros de ilustración e conferencias sobre ciencia, cultura galega, o ‘Códice Calixtino’, o Camiño de Santiago ou o audiovisual galego.

Canda os autores e autoras, participarán na feira diversas editoriais galegas, que terán ocasión de establecer contactos comerciais con axentes do sector de todo o mundo, así como de asistir ás Xornadas Profesionais que se están levando a cabo estes días, no que constitúe o maior encontro da industria editorial en América do Sur.

Con motivo deste diálogo entre autores e institucións das dúas beiras do Atlántico, a vinculación con Galicia de escritores arxentinos de referencia como Jorge Luis Borges –do que se cumpren tres décadas do seu pasamento–, o papel do galego Francisco Gil como precursor da Feira do Libro de Bos Aires ou a traxectoria do poeta galego-arxentino Francisco Luis Bernárdez son algúns dos temas que se abordan no programa.

Exposicións e cine vinculados á literatura galega
Na programación tamén terán cabida figuras históricas como Eduardo Blanco-Amor, Ramón María del Valle-Inclán e Camilo José Cela, sobre os que se organizará cadansúa exposición a través da Editorial Galaxia, do Consello da Cultura Galega e mais da Fundación Pública Camilo José Cela, respectivamente. As propostas expositivas complétanse coa mostra ‘Santiago, cidade ilustrada’ e coa exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’, que levará a Buenos Aires a obra do fotógrafo de Allariz despois do verán.

O libro galego chega a Buenos Aires non só a través da escrita, senón tamén doutra das formas de difusión da literatura, como é a cinematografía. Os títulos máis recentes da creación audiovisual galega, e particularmente aquelas cintas baseadas en obras literarias galegas de referencia, van estar en Bos Aires, nun ciclo organizado pola Agadic que se desenvolverá nun cine comercial da cidade, paralelamente á celebración da feira.

Múltiples escenarios
A actividade da delegación galega desenvolverase tanto no stand de Galicia –situado nun lugar central e con 200 metros cadrados de superficie– e en diversas salas do recinto feiral, como en diferentes espazos emblemáticos bonaerenses, como librerías, diversas bibliotecas municipais, os centros culturais General San Martín, Matienzo e Roberto Arlt; Usina del Arte, a Universidad de Ciencias Empresariais y Sociales e a Academia Argentina de Letras. Tamén albergarán unha parte da programación espazos xestionados pola colectividade, como a Federación de Asociaciones Gallegas da República Arxentina, o Centro Galicia, o Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol e diversas casas e centros galegos da cidade.

Colaboración e unión de forzas
A cultura galega e a súa literatura estiveron presentes na Feira Internacional do Libro de Bos Aires nas súas máis de corenta edicións. Promovido pola Fundación El Libro, este evento de referencia internacional no ámbito editorial incorporou hai catro anos a figura de “cidade invitada”, distinción da que gozaron ata agora Ámsterdam, São Paulo e mais Ciudad de México, e que neste ano corresponde á capital galega.

Na organización da ampla e diversa programación promovida pola Xunta, en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, participaron ademais as entidades da maior relevancia na cultura de Galicia, como o Consello da Cultura Galega, a Asociación Galega de Editores, a Asociación de Escritores en Lingua Galega ou do Centro PEN Galicia. Ademais contouse coa axuda da colectividade galega e principais institucións e entidades culturais en Buenos Aires, nomeadamente dos gobernos da Cidade e da Nación, da Embaixada de España, da Sociedade Arxentina de Escritores, da Academia Arxentina de Letras e do Instituto Argentino de Cultura Gallega.

Máis información sobre a Feira do Libro de Buenos Aires no enderezo web http://www.cultura.gal/librogalegobaires16, e a través das redes sociais de Facebook na conta de Librogalegobaires16 e en Twitter (@LibroGalegoBA16).

584 lecturas