Presentado no Consello da Xunta o Plan Integral da Emigración para o periodo 2011-2013

O documento define 5 áreas de actuación, e establece 13 liñas prioritarias, 36 programas, e 17 accións estratéxicas.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Secretaría Xeral da Emigración presentou no Consello de Goberno da Xunta o seu Plan Integral para o trienio 2011-2013, unha proposta que busca centrar as bases de actuación do Goberno de Galicia coas entidades galegas, os emigrantes e os seus descendentes, con vistas a fortalecer e estruturar de forma operativa á galeguidade no século XXI.

O Plan estrutúrase a través de 5 áreas definidas, que son a atención socio-asistencial aos galegos residentes no exterior, a concepción e desenrolo da galeguidade, a sociedade do coñecemento na diáspora, xuventude e muller, e atención e planificación do retorno (que inclúe a redacción dunha Lei do Retorno, agora en fase de anteproxecto). Establécense 13 liñas de actuación prioritarias, 36 programas a desenvolver, e 17 accións estratéxicas.

Trece eixos
Entre as trece liñas de acción prioritarias, destaca o mantemento e potenciación dos programas de axudas económicas individuais a galegos residentes no exterior; do Programa Reencontros; do de axuda socio-asistencial a galegos residentes no exterior en situación de precariedade a través de axudas directas a centros ou comunidades galegas no exterior; de
actuacións en favor das comunidades galegas no exterior; ou o de apoio infraestrutural ás comunidades galegas no exterior.

Outras liñas son a intensificación dos programas de escolas abertas presenciais destinados a cidadáns galegos residentes no exterior; os seminarios de baile-música e cociña tradicional galega dirixido ás entidades galegas no exterior; os cursos preparatorios de lingua galega, para os niveis CELGA e de extensión cultural, destinados a galegos residentes no exterior e persoas interesadas no idioma e a cultura de Galicia; programas de axudas e subvencións destinadas ás entidades galegas no exterior para a realización de proxectos promovidos pola xuventude; e bolsas para cidadáns galegos no exterior coa fin de realizaren estudos universitarios oficiais e de formación profesional.

Finalmente, completan o paquete desas 13 medidas prioritarias establecidas no Plan Integral da Emigración 2011-2013 o programa de axudas para a participación en actividades de campamentos e campos de traballo (dirixido a mozos de orixe galega ou descendentes de galegos que residan no exterior); as subvencións dirixidas a entidades galegas no exterior para realizar accións de información, orientación e asesoramento para emigrantes galegos con vontade de retornar; e as axudas extraordinarias a emigrantes galegos e aos seus familiares.

1386 lecturas