As persoas inmigrantes intégranse ben en Galicia

Na comunidade escolarízanse 16.000 alumnos e alumnas de máis de 80 nacionalidades.

  • VI Seminario Nacional ‘Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante, Experiencia e innovación’. Foto: Conchi Paz.
    VI Seminario Nacional ‘Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante, Experiencia e innovación’. Foto: Conchi Paz.
  • VI Seminario Nacional ‘Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante, Experiencia e innovación’. Foto: Conchi Paz.
    VI Seminario Nacional ‘Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante, Experiencia e innovación’. Foto: Conchi Paz.
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2012.

O alumnado inmigrante intégrase mellor en Galicia que noutras comunidades, e as súas nais teñen unha maior participación que os pais na vida escolar. Así conclúen estudos da Rede de Inmigración Escola e Sociedade (RIES) da USC, segundo afirma o seu director, Miguel Ángel Santos Rego. Preto de 200 persoas, entre profesionais activos e activas e en formación, participaron nun seminario sobre atención educativa ao alumnado inmigrante, experiencia e innovación, organizado por esta rede en Santiago.

En Galicia están escolarizados e escolarizadas sobre 16.000 estudantes procedentes de 80 nacionalidades, a maioría de Latinoamérica e Marrocos. A cifra tende a estabilizarse os dous últimos anos. A RIES interveu en 30 centros, e a partir de xaneiro centrará os seus esforzos en 8, distribuídos nas catro provincias galegas, nos que aplicará un programa de intervención pedagóxica para avanzar na integración educativa, social e familiar deste alumnado, indica Santos Rego. As actuacións discutiranse e consensuaranse segundo as características de cada centro.

Este especialista sinala que unha vantaxe dos centros galegos é que non teñen tanta aglomeración de alumnado inmigrante como noutras comunidades, o que favorece a súa mellor integración. Tamén existen menos diferenzas no rendemento escolar en comparación con escolares autóctonos. A maior dificultade que enfrontan as e os que chegan do exterior é o dominio do idioma.

«Os últimos anos houbo unha clara aposta para a atención á diversidade cultural nos centros educativos e outras institucións. Os colexios buscaron vías de traballo e de innovación, aproveitando a lexislación vixente,» sostén a profesora Mar Lorenzo, tamén integrante da rede de investigación da USC. Esta especialista insiste na necesidade de traballar co profesorado e coas familias para aproveitar as posibilidades da diversidade cultural que supón a presenza de inmigrantes. O proxecto de investigación da USC analiza as variables que inciden no rendemento escolar do alumnado inmigrante e compárano co autóctono.

 

Fonte: La Voz de Galicia

899 lecturas