Estudantes de máis de 20 países aprenderán galego este verán na Universidade de Santiago

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega promoven a vixésimo cuarta edición dos cursos de lingua e cultura galegas para estranxeiros, que foi inaugurada hoxe na Facultade de Filosofía.

Listen to this page using ReadSpeaker
5 de xullo de 2011.

Un total de 90 estudantes procedentes de 26 países aprenderán lingua e cultura galegas na Universidade de Santiago de Compostela (USC) durante este mes. Farano no marco dos XXIV Cursos de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e Españois de fóra de Galicia, unha iniciativa que promoven a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC e a Real Academia Galega.

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación da USC, Pablo Ramil; o membro da Xunta Directiva da Real Academia Galega Manuel González González; a directora do ILG, Rosario Álvarez; e o director dos cursos, Francisco Fernández Rei, inauguraron esta mañá o curso, que iniciou onte e que se desenvolverá ata o próximo día 29 de xullo.

Durante o acto de inauguración, Anxo Lorenzo transmitiulles aos estudantes “o interese que ten para o galego e para Galicia que persoas de comunidades lingüísticas diversas se acheguen á lingua e a cultura galegas de maneira directa”. O secretario xeral tamén incidiu nos cursos como unha excelente carta de presentación da riqueza lingüística e cultural que caracteriza o Estado español e recordou que o galego, a pesar das singularidades da situación sociolingüística, “segue a ser o idioma maioritario de Galicia”.

90 alumnos e alumnas procedentes de 26 países
Máis de 2.300 alumnos e alumnas de moi diversos países de todo o mundo levan participado nos cursos de verán de galego para estranxeiros da USC desde o seu inicio. Este ano, na vixésimo cuarta edición, participan un total de 90 estudantes procedentes de 26 estados diferentes, entre os que se atopan Alemaña, Arxentina, Australia, Brasil, Reino Unido, República Checa, Chile, Croacia, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, India, Irlanda, Italia, Marrocos, México, Polonia, Portugal, Romanía, Rusia, Suecia, Taiwán e Ucraína.

Darlles a oportunidade de se familiarizaren co galego
O fin primordial dos cursos é darlle ao alumnado a oportunidade de familiarizarse coa lingua galega e coa realidade sociocultural de Galicia. Para isto, amais das clases teóricas e prácticas de lingua, o programa inclúe leccións sobre literatura, historia, xeografía, arte etc., de Galicia, así como excursións e visitas a lugares de principal interese cultural e paisaxístico.
Dentro dos cursos hai distintos niveis: un nivel elemental, de iniciación á lingua para quen desexe introducirse no seu coñecemento; un nivel medio, destinado a quen xa realizou o curso elemental ou que posúa un coñecemento básico do idioma, previa realización dunha proba; e mais un curso superior de Filoloxía Galega para quen cursou o nivel medio ou acredite un bo dominio do galego.

Colaboración institucional na realización dos cursos
A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora coa Universidade de Santiago de Compostela, coa Universidade da Coruña e coa Universidade de Vigo para a realización destes cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros, que comezaron onte nas tres institucións académicas e que se desenvolverán ata finais deste mes.

1294 lecturas