Os galegos e galegas do exterior amosan a súa cara máis solidaria durante a pandemia do coronavirus

Entidades galegas de todo o mundo poñen en marcha iniciativas para axudar ás e aos máis necesitados, ou culturais para manter a actividade malia as restricións de movemento. 

As entidades galegas no exterior, solidarias durante a pandemia da covid-19
As entidades galegas no exterior, solidarias durante a pandemia da covid-19
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2020.

As entidades galegas do exterior están a poñer en marcha diferentes medidas solidarias coas que pretenden contribuír a cubrir as necesidades básicas das persoas que están a sufrir con especial crueza a pandemia do coronavirus, que nos países de América, por exemplo, aínda constitúe unha seria ameaza. Mentres en Europa a covid-19 presenta un escenario no que cabe certo optimismo, o Novo Continente está afrontar o inverno con preocupación e diferentes niveis de precaución en función do Goberno do que se trate. 

Así, a colectividade galega de países cunha histórica tradición de acollida da emigración galega, como A Arxentina, O Uruguai, Venezuela ou os Estados Unidos, está a vivir con incerteza a chegada da estación fría ideando diferentes fórmulas que axuden ás e aos máis necesitados a facer fronte ao coronavirus. 

Centros galegos en América 
As galegas e galegos da Arxentina son algúns dos máis activos neste senso, con iniciativas como as que puxeron en marcha o Centro Galego de La Plata, que cede as súas instalacións ao Hospital Español de La Plata para que, en caso de necesidade, as utilice. E o Centro Galicia de Bos Aires, que tamén pon a disposición do Goberno da Cidade Autónoma de Bos Aires e da Municipalidad de Vicente López as súas instalacións para o que as precisen. Ou a promovida pola Asociación Echando Raíces de Bos Aires e a súa entrega de “Bolsones solidarios” (alimentos).

Os Estados Unidos é outro dos países cunha importante presenza galega no que a colectividade con orixe en Galicia máis está a mobilizarse en prol das e dos máis desfavorecidos. Bos exemplos disto son a Casa Galicia de Nova York, que realiza doazón de comidas a hospitais; ou o Club España de Newark – Nova Jersey, que leva a cabo unha campaña de recollida de alimentos para xente sen recursos. O Centro Orensano de Nova Jersey, pola súa banda, tamén se suma a esta vaga de solidariedade cunha recollida de alimentos non perecedoiros para o Banco de Alimentos.

Tamén Venezuela está amosando a súa vea máis altruísta a través do centro galego que aglutina a inmensa maioría da colectividade galega no país, a Hermandad Gallega de Venezuela. A entidade está a ofrecer información sobre asistencia consular, medidas preventivas e recomendacións, e segue traballando no plan de medicamentos, facéndoos chegar aos fogares que o precisan, e complementando estas actividades cunha entrega de donativo á Asociación  Venezolana de Padres con Niños con Cáncer (Asovepanica).

No Uruguai, o Centro do Valle Miñor de Montevideo colabora co Consulado Xeral de España para a elaboración da base de datos de persoas vulnerables nesta crise do coronavirus.

Iniciativas individuais 
As iniciativas non só están a partir de entidades galegas. A colectividade galega no exterior tamén está a contar con protagonistas individuais, como Juan Lorenzo, residente na Arxentina con familia de O Irixo. É técnico radiólogo especializado en impresión 3D e está a facer mascarillas de protección facial en máquinas de impresión 3D para hospitais que non teñen subministración suficiente. Ademais, están entregando outros elementos de protección.

En imaxes
650 lecturas