Os canteiráns, o principal orgullo do celtismo.

A aposta pola xente da casa encontra o referendo de todos os estamentos.

Listen to this page using ReadSpeaker

O Celta está no camiño correcto. A aposta pola xente de casa convence a todos os estamentos do celtismo. Aos canteiráns que no seu día abriron o camiño, quizais en tempos máis difíciles, e a unha afección que se sente máis identificada con 13 xogadores galegos no primeiro equipo.

O precedente hai que buscalo tres décadas atrás (curso 81/82) noutro proxecto ascensor. «Acórdome dun titular de prensa que dicía que o Celta xogara con nove galegos no once», recorda Antonio Gómez, un dos xogadores da casa da época que agora adestra ao filial do Murcia. «Eu sempre poño o mesmo exemplo. Eu non era un xogador brillante, pero non me superaba Cameron, que era un central que trouxeran de fóra. O importante é apostar pola xente de casa e co diñeiro que aforras traer reforzos de calidade». Como técnico, destaca que se nota nas categorías inferiores cando o primeiro equipo dá oportunidades.

Jorge Otero, un dos futbolistas que chegou á internacionalidade dende o Celta, móstrase «encantado, porque eu saín da canteira. Ademais, estase a ver que hai xente que o merece», e apunta que ademais de compromiso, tamén pode ser unha importante fonte de ingresos «porque se traspasan a Hugo Mallo, a quen están a seguir varios equipos, xa teñen cuberto o custo da canteira para un bo número de anos». Considera que a aposta veu dada polo descenso, pero ve potencial de sobra nos canteiráns para que teñan unha oportunidade en Primeira en caso de ascenso «porque penso que están capacitados para xogar ao máximo nivel».

A afección aínda está máis feliz coa iniciativa que comezou a tomar corpo catro anos atrás. "Nos tiramos foguetes, por algo somos a peña da canteira», comenta Plácido Vázquez, o cabeza visible de Canteira Celeste, que destaca a resposta que tiveron os da casa «que demostraron estar a un gran nivel». Jes, de Siareiros.net apunta que o seu sono sería «un Celta con once galegos» no campo, aínda que sen descartar nunca a fichaxe de reforzos de calidade que melloren o que temos». Sosteñen ambos os dous que a implicación da xente da casa está sempre asegurada e que se merecen unha oportunidade en Primeira «porque con algún reforzo de garantías seguro que poden facelo perfectamente». As liñas do futuro están definidas.

 

Fonte: La Voz de Galicia | Foto: Páxina do R.C. Celta en facebook

1593 lecturas