A Oficina integral de asesoramento e seguimento ao retorno en Vigo acompañou a case 1.300 persoas na súa integración en Galicia

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitaron a oficina situada no Edificio administrativo da cidade olívica, que conta con persoal especializado para acompañar persoalmente aos galegos e galegas do exterior en todo o seu proceso de retorno.

Dende a súa creación, as cinco oficinas integrais de Retorno de Galicia atenderon preto de 30.000 consultas de todo tipo, dende económicas ata escolarización de menores, emprego ou autorización de residencia.

O secretario xeral da Emigración e a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, esta mañá na Oficina do Retorno da cidade olívica
O secretario xeral da Emigración e a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, esta mañá na Oficina do Retorno da cidade olívica
Listen to this page using ReadSpeaker
Vigo, 8 de febreiro de 2022.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a delegada territorial de Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitaron esta mañá a oficina integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno de Vigo, situada no edificio administrativo da Xunta na cidade olívica, comprobando o labor realizado ao longo destes meses para acompañar e axudar aos galegos e galegas do exterior que decidiron retornar a Galicia e comezar unha nova vida.  

Esta oficina, xunto ás situadas en Ourense, Lugo, A Coruña e Santiago de Compostela, están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e contan con persoal especializado que se encarga de informar e asesorar ás e aos galegos do exterior cara a favorecer o retorno, así como de acompañar ás galegas e galegos retornados e ás e aos seus familiares. Tamén explican tódolos programas da Secretaría Xeral da Emigración dirixidos á diáspora, así como asesoran sobre os temas relacionados con educación, formación, laboral e social, e mesmo, no caso das e dos familiares con outra nacionalidade, tamén orientan no eido da estranxeiría, ofrecendo apoio continuo, tanto presencial como telemático.

Dende a súa posta en marcha, en febreiro de 2020, as oficinas integrais das catro provincias asesoraron a un total de 8.153 persoas, acompañándoas na súa integración en Galicia e informándolles sobre as liñas de apoio coas que a Xunta de Galicia conta para axudarlles a consolidar o seu regreso, así como os canais existentes para homologar estudos, facilitar a tramitación da documentación persoal e a presentación de solicitudes de subvencións e prestacións. 

Así, en total, realizáronse 29.292 consultas, das que 3.213 estaban relacionadas con temas educativos (escolarización de menores, formación regrada, formación para o emprego, homologación de estudos...); 13.519 tiveron que ver con temas sociais como asistencia sanitaria, autorizacións de residencia, axudas económicas, prestacións ou vivenda; 6.630 tiñan que ver con temas laborais como información acerca do emprego por conta allea ou axudas ao autoemprego, e, finalmente, 3.831 cuestións tiñan relación con outros trámites. 

A oficina situada en Vigo, que atende a toda a provincia de Pontevedra, respondeu cuestións tanto presenciais como telefonicamente de 1.298 persoas, e resolveu un total de 5.440 consultas das que 1.269 foron cuestións educativas, 2.748 sociais e 1.140 laborais.

A posta en marcha destas oficinas formou parte da anterior Estratexia Galicia Retorna do Goberno galego que contou cun orzamento global de preto de 500 millóns. Nestes intres, tal e como destacou Rodríguez Miranda, “estamos xa a traballar na nova Estratexia que se porá en marcha este mesmo ano e que permitirá continuar a acompañar persoalmente aos galegos do exterior en todo o proceso de retorno”. 

  • Audio: Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración | Descargar

286 lecturas