Obreiros galegos na Canle
Preto de seis mil galegos e galegas, peóns de pico e pa na súa maioría, deixáronse a pel na construción da canle de Panamá.
"Pro mundi beneficio. Los trabajadores gallegos en la construcción del canal de Panamá (1904-1914)", obra de Juan Manuel Pérez Río, analiza a participación das e dos traballadores galegos na Canle.
Benito Vila e a súa muller Porfiria embarcaron en Vigo, nos últimos días do ano 1907, con destino ao porto panameño de Colón. Contratados pola Istmian Canal Commission, a compañía estadounidense que quebrou o espiñazo de Panamá para mesturar as augas do Atlántico e do Pacífico, ían traballar na cociña para os trescentos homes do campamento Enterprise. A súa viaxe, seguramente a bordo dun vapor da Mala Real Inglesa, representada en Vigo polo consignatario Estanislao Durán, simbolizaba o éxito da principal reivindicación dos seus compatriotas: miles de galegos que abrían a colosal gabia da Canle botaban de menos a comida da súa terra. Era a súa principal queixa: «non se afacían» aos exóticos guisos preparados por mans antillanas.
Máis adiante, os xornaleiros galegos arrancaron aos seus patróns outra concesión: unha pausa de dez minutos para inxerir un bocado a media mañá. Como facían na súa terra. «Mesmo a maquinaria necesita combustible para poder funcionar», advertiron. A mecha do conflito prendéraa un capataz estadounidense ao suspender de emprego e soldo, durante dez días, a varios obreiros que repoñían forzas con pan e chourizo en xornada laboral. A sanción desatou unha ondada de protestas. Varias cuadrillas, compostas por uns 800 homes, abandonaron o traballo e declaráronse en folga. Os ánimos só tranquilizáronse cando a cúpula da Comisión revogou a sanción, reprendeu os capataces polo seu extremado celo e admitiu formalmente unha arraigada costume do campesiñado galego: «as dez».
Os galegos, os mellores
Juan Manuel Pérez, na súa minuciosa investigación sobre o papel dos galegos na construción da Canle -plasmada no seu libro Pro mundi beneficio. Los trabajadores gallegos en la construcción del canal de Panamá (1904-1914)-, xunto ás achegas de Carolina García Borrazás e Francisco Sieiro, explica o porqué de tales miramentos coas demandas das peonadas galegas: estaban altamente valoradas. No enorme e distinto exército afanado en seccionar no continente americano, «os mellores de todos son os galegos», escribiu Foster Carr. Queixábanse pouco e traballaban moito. Os seus patróns atribuíanlles saúde de ferro, carácter submiso e vigor físico. Aqueles homes temperados nas penalidades do campo e tocados coa tradicional boina, eran capaces de resistir, impertérritos, a humidade, as chuvias tropicais e as elevadas temperaturas do istmo. Naquel mundo de radical segregación racial dicíase que o rendemento dos galegos, do que se fixo eco o propio presidente de Estados Unidos, Theodore Roosevelt, duplicaba e mesmo triplicaba ao que ofrecían os negros antillanos. E era tamén superior ao dos estadounidenses brancos, os que acaparaban os postos mellor retribuídos e as faenas menos penosas.
Recrutamento en Galicia
Os primeiros centos de galegos que chegaron á zona da Canle, dende que en 1903 Estados Unidos se fixera cargo da magna empresa, procedían de Cuba. Rapidamente, á vista da súa extraordinaria produtividade, o enxeñeiro xefe John F. Stevens, peza clave na construción da infraestrutura, enviou LeRoy Park a Galicia coa misión de recrutar xornaleiros. Malia a fría acollida do Goberno español, que en 1908 chegaría a prohibir a emigración a Panamá, LeRoy coroou con éxito a súa misión. En menos de dous anos, segundo as cifras estimadas por Juan Manuel Pérez, contratou 8.222 españois. Tres de cada catro, 5.983 en total, eran galegos. A maioría despedíronse de Galicia no porto de Vigo.
Un folleto que, a xeito de reclamo, publicara o axente de Stevens, establecía as condicións do contrato. Aos emigrantes anticipábaselles o importe da pasaxe -250 pesetas-, que lles sería descontado pouco a pouco da nómina. Traballarían dez horas ao día de pico e pa -pick and spade- e cobrarían un xornal diario de dous dólares, daquela once pesetas. Facilitábaselles aloxamento gratuíto en barracóns colectivos de solteiros ou casas individuais para as familias. E os comedores da empresa facilitarían, ao prezo de 40 centavos -2,40 pesetas-, tres comidas con carne ao día, ademais de viño só os xoves e domingos.
Solteiros e familias
A maioría dos braceiros contratados eran solteiros, de extracción rural e de idades comprendidas entre os 25 e os 45 anos de idade. Pero tamén houbo familias enteiras que acudiron á chamada de LeRoy, coa compracencia da empresa: a presenza da muller e os fillos proporcionaba estabilidade aos cotizados xornaleiros. De feito, en compañía de Benito Vila e de Porfiria, viaxaron a Colón a esposa e os catro fillos do compostelán Juan Guillén, capataz dunha cuadrilla que chegara con anterioridade á zona da Canle.
Dous días despois da súa chegada, cando Benito e Porfiria apenas tomaran posesión dos fogóns do campamento proletario, os protagonistas desta historia recibían unha visita inesperada. Dous ilustres representantes do Centro Gallego da Habana, enviados ex profeso, trataban de descubrir as condicións de vida e de traballo dos seus compatriotas baixo a batuta estadounidense. Pero esa é outra historia.
Fonte: La Voz de Galicia
Novas relacionadas






