O Xacobeo participará en Washington nunha reunión científica sobre o fenómeno das peregrinacións e o Camiño de Santiago

O encontro Workshop on Pilgrimate Studies terá lugar o sábado 1 de outubro, organizado pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo en colaboración coa embaixada de España nos Estados Unidos, a Biblioteca do Congreso americano, o American Film Institute e o William and Mary College de Virginia.

Participarán máis de 40 centros universitarios americanos de Estados Unidos e Canadá, integrados no consorcio interuniversitario que está a desenvolver un plan de estudos sobre as peregrinacións e a Ruta Xacobea. Este consorcio prevé organizar para os seus alumnos e alumnas un primeiro seminario de investigación que terá lugar o próximo ano en Santiago.

Durante a xornada, presentarase ás persoas asistentes e á prensa de Washington a película The Way, dirixida por Emilio Estévez e protagonizada por Martin Sheen. O filme, rodado no Camiño de Santiago, contou coa colaboración da Xunta de Galicia.

Listen to this page using ReadSpeaker
29 de setembro de 2011.

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo participará o próximo sábado 1 de outubro en Washington na reunión científica Workshop on Pilgrimate Studies, encontro no que se abordará o fenómeno das peregrinacións e o Camiño de Santiago en particular. A organización deste evento corre a cargo da propia S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, en colaboración coa Biblioteca do Congreso de Estados Unidos, a embaixada española en Washington, o American Film Institute e o William and Mary College de Virxinia. A directora xerente da S.A. do Plan Xacobeo, Camino Triguero, participará nesta xornada, na que manterá contactos cos responsables da Biblioteca do Congreso para establecer vías de colaboración entre ambas entidades.

O Workshop on Pilgrimate Studies contará coa presenza de máis de 40 centros universitarios de Estados Unidos e Canadá, algúns deles considerados entre os cen mellores do mundo, como a Universidade de California-Os Ánxeles, Purdue University, Universidade de Michigan, Universidade de Florida, Washington University of Saint Louis, Universidade de Minnesota ou a Fordham University. Estes centros forman parte dun consorcio de universidades que están a desenvolver un plan de estudos sobre o Camiño de Santiago e o fenómeno das peregrinacións en xeral, dotando de rango curricular ás investigacións e experiencias sobre a Ruta Xacobea en diferentes campos, tales como relixión, estudos hispánicos, a antropoloxía, historia da arte, historia medieval ou socioloxía. O consorcio proponse organizar para os seus alumnos un primeiro seminario de investigación, que terá lugar en Santiago entre o 21 de maio e o 29 de xuño de 2012.

No marco do Workshop on Pilgrimate Studies presentarase e proxectarase ás persoas asistentes e á prensa de Washington a película The Way, rodada no Camiño de Santiago coa colaboración da Xunta de Galicia e que durante estes días estase a estrear nos Estados Unidos. Á presentación acudirán o director Emilio Estévez e o protagonista, seu pai, Martin Sheen, ambos os dous de orixe galega.

1120 lecturas