Santiago de Compostela acolle hoxe a estrea mundial da película ‘The way’, coa presenza de Martin Sheen e Emilio Estévez.

A preestrea do filme, da produtora Filmax e patrocinado pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e pola Xunta de Galicia, celebrarase no Teatro Principal de Santiago.

O próximo 19 de novembro, 'The Way' estrearase nas salas de cine.

‘The way’
‘The way’
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2010.

Este luns día 8 de novembro o Teatro Principal de Santiago de Compostela acollerá a presentación mundial do filme The Way, rodado durante sete semanas no Camiño de Santiago. O director Emilio Estévez e o seu pai, Martin Sheen, protagonista do filme, estarán en Compostela para dar a coñecer oficialmente a película, producida por Filmax e patrocinada pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e pola Xunta de Galicia.

Para a xornada da presentación en Santiago, ás 10:00 horas está previsto no propio Teatro Principal un pase para os medios e ás 12:30 horas terá lugar unha rolda de prensa na que intervirán o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela; o director do filme, Emilio Estévez; o actor Martin Sheen e o produtor Julio Fernández. Pola tarde, a partir das 19:30 horas celebrarase a preestrea oficial da película. O acceso a este acto será restrinxido e só se poderá entrar con invitación. Antes da súa estrea nas salas de cine o próximo 19 de novembro, a película será presentada tamén en Madrid o mércores día 10.

A cinta narra a historia de Tom Avery (Martin Sheen), un reputado oftalmólogo que vive en California, onde un día recibe unha chamada desde Francia na que se lle comunica que o seu fillo Daniel (Emilio Estevez) faleceu nun temporal nos Pirineos. Malia que a relación con él nunca foi moi boa por ter unha visión oposta da vida, Tom está desolado e viaxa a Francia para recuperar ao seu fillo. Alí descobre que Daniel comezaba a facer o Camiño de Santiago e decide facelo por él. A última oportunidade dun pai para coñecer ao seu fillo converterase na primeira oportunidade para comezar unha nova vida.

A película The Way inclúe escenas rodadas no interior da Catedral de Santiago, un feito considerado “un milagre” en palabras do propio Martin Sheen. Trátase da terceira vez que o actor traballa ás ordes do seu fillo Emllio Estévez. O reparto principal complétano a actriz canadiense Deborah Kara Unger, e os actores Yorick Van Wageningen, de orixe holandés, e o norirlandés James Nesbitt. A película rodouse durante sete semanas ao longo do Camiño de Santiago, é unha produción de Filmax en asociación con Elixir Films e conta co patrocinio do Xacobeo 2010 Galicia; coa colaboración de ICAA e Xunta de Galicia e coa participación da TVG.

1766 lecturas