O sistema e datas de reparto de axudas en Cuba fíxose público con carácter previo á convocatoria das Eleccións Xerais

As datas concretas e o itinerario de reparto propuxéronse polas entidades bancarias colaboradoras no mes de xuño, moito antes de que se coñecese a data exacta dos comicios

A oposición debería coñecer que, cando gobernaba, o reparto se realizaba igual que agora

Listen to this page using ReadSpeaker

Ante as acusacións realizadas nas últimas horas por representantes da oposición política nos medios de comunicación respecto do reparto de axudas asistencias a galegos en Cuba, a Secretaría Xeral da Emigración quere puntualizar o seguinte:

O reparto de axudas asistenciais a emigrantes galegos en situación de grave carencia realízase DE OFICIO por esta institución tódolos anos naturais desde hai máis de dúas décadas, á marxe do calendario electoral. Boa proba de que este labor non responde a causas partidistas é que nos últimos anos o reparto se levou a cabo en datas similares, que é cando remata o proceso administrativo de pago de subvencións.

A planificación de datas e sistema de reparto nas once provincias cubanas para este ano 2011 completouse en xuño, moito antes de que se tivesen convocado as eleccións xerais, e a proposta non sae da Secretaría Xeral, senón das entidades bancarias colaboradoras. E a persoa responsable da mesma non tiña posibilidade de comezar a viaxe pola illa caribeña ata a segunda quincena de setembro, cando comezou un reparto que dura un mes e medio, e que por tanto XA REMATOU, mesmo nos lugares máis remotos da illa.

Arestora non se atopa en Cuba NINGÚN alto cargo da Secretaría Xeral, nin estivo en viaxe oficial na illa caribeña desde a convocatoria das eleccións do 20-N. Por tanto, calquera conexión entre o reparto de axudas asistenciais e o calendario electoral habería que buscala nas hemerotecas, cando gobernaban en Galicia os mesmos partidos que realizan esta denuncia.

Os actuais cargos da Secretaría Xeral da Emigración non repartiron nin reparten nin repartirán persoalmente XAMAIS cheques nin axudas a emigrantes na diáspora. Rexeitamos de plano este tipo de prácticas. O reparto das axudas de emerxencia aos emigrantes galegos na illa americana estase a realizar e validar por persoal alleo á Secretaría Xeral da Emigración, pertencente ás entidades bancarias colaboradoras, precisamente para garantir a maior transparencia, profesionalidade e independencia no proceso. Cómpre salientar ademais que o responsable do reparto é a mesma persoa que o facía durante o Goberno bipartito.

En imaxes
669 lecturas